Rocket League chegará a Xbox One a semana que vén

mércores, 10 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O pasado 7 de xullo estreouse para PC e PlayStation 4 un xogo bastante sorprendente, Rocket League, que vén a ser unha mestura de xogos de fútbol e de condución (coñecido vulgarmente como o xogo dos futcoches) que resultou nunha experiencia de diversión pura e dura de grande aceptación en todo o mundo, de aí que Psyonix decidise traer agora o xogo a Xbox One, para o que contaron coa colaboración de Panic Button.
Rocket League verá a luz en Xbox One o vindeiro día 17 a un prezo de 19,99 euros, ou sexa o mesmo prezo que ten a versión para PlayStation 4, que foi clave para o éxito deste título, xa que no mes de xullo foi un dos títulos incluídos en PlayStation Plus, de xeito que millóns de usuarios puideron facerse con el sen custo adicional, o que creou de vez unha grande comunidade de xogadores que convertéronse nos principais prescritores deste xogo que inclúe compras na aplicación (polo que a súa distribución inicial a través de PS Plus resultou bastante rendible). Actualmente tamén podemos mercar o xogo para PC a través de Steam a un prezo promocional de 12,99 euros.
No caso da Xbox One, os novos compradores do xogo recibirán de balde tres dos paquetes de contido adicional que saíron tras o lanzamento das anteriores versións (Supersonic Fury, Revenge of the Battle-Cars e Chaos Run), así como un par de vehículos exclusivos (o Armadillo de Gears of War e unha variación do Warthog baseada en Halo). No garaxe do xogo tamén haberá numerosos elementos exclusivos de Xbox (inspirados en xogos como Sunset Overdrive).

Vídeo no que se anuncia o lanzamento de Rocket League para Xbox One

PUBLICIDADE