Rexistran as sedes españolas de Google ante sospeitas de fraude fiscal

xoves, 30 de xuño do 2016 Redacción

As dúas sedes de Google en Madrid (en Torre Picasso no Campus Madrid da rúa Moreno Nieto) estarían a ser rexistradas por parte da Axencia Tributaria no marco dunha investigación por evasión fiscal e fraude, por sospeitas de que o xigante de Internet non estea a cumprir coas súas obrigas fiscais relativas ao pagamento do IVE que sospeitan que non está a declarar. Algúns medios incluso aseguran que a Garda Civil tería incautado todos os equipos informáticos das oficinas.
Dende Google aseguran estar a colaborar coas autoridades, e tamén afirman que respectan a lexislación fiscal española.
Estamos ante un tipo de investigación que está a replicarse en distintos países europeos, por terse rexistrado un pagamento local de IVE moi reducido nos distintos estados europeos, cando a lexislación actual obriga a que os impostos se paguen no país onde están os clientes, de xeito que o feito de que as operacións de Google en Europa estean radicadas en Irlanda non os eximiría de realizar os pagamentos de IVE establecidos segundo os tipos de cada país comunitario.

PUBLICIDADE