ReallyLateBooking facilita reservas de hotel de última hora dende iPhone e móbiles Android

mércores, 10 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Os profesionais de IIPIR, empresa repartida entre Madrid e A Coruña, coñecedores da problemática de atopar aloxamento de última hora nas cidades españolas a un prezo asumible decidiron crear o servizo ReallyLateBooking, que está dispoñible a través do móbil, iniciando a súa andaina no iPhone e estreándose nas últimas horas para terminais con Android. Deste xeito, os usuarios dos mencionados smartphones poderán cargar a aplicación de ReallyLateBooking para consultar a oferta de aloxamentos en Madrid, Barcelona, Santiago de Compostela e Vigo (a oferta irá espallándose a máis cidades nos vindeiros meses) destacando o feito de que a oferta de reservas actualízase a partir das 12 do mediodía e corresponde á noite do día en curso, o que permite conseguir descontos de ata un 70% sobre o prezo habitual (e mesmo comparando con ofertas en páxinas web como Trivago, Booking, Atrápalo...), polo que “nunca deixar todo para o último minuto saíu tan rendible”.
Con ReallyLateBooking é posible reservar habitacións ata as 3 da madrugada, buscar ofertas en hoteis o mesmo día e realizar as reservas dun xeito áxil e doado dende o móbil, onde podemos consultar información sobre os hoteis como os servizos dispoñibles, fotografías dos seus interiores e o mapa de localización, converténdose nunha ferramenta de grande utilidade para usuarios viaxeiros que gusten de improvisar os seus desprazamentos.

PUBLICIDADE