Rapaces de Oleiros e Vigo entran en contacto coas tecnoloxías de mínimo impacto ambiental
venres 3 de febreiro do 2012, por |
Rapazas e rapaces de Secundaria e Bacharelato de Oleiros e Vigo tiveron oportunidade, este xoves, de familiarizarse cos máis recentes exemplos de tecnoloxía galega ao servizo da información e á comunicación á par que da continuidade e a sustentabilidade. En definitiva, entraron en contacto co que consideramos que debe ser o futuro das TIC: unha liña de innovación que non remata nunca, que é eficaz, e que ten a mínima pegada de impacto sobre o medio ambiente. Así nolo contan os centros impulsores da iniciativa EficienTIC, os centros Gradiant, CITEXVI e EnergyLab, sedes das devanditas visitas.
A experiencia desta semana, por certo, terá continuidade o vindeiro martes, con 100 rapaces procedentes de Cangas e máis de Pontecaldelas.
Volvendo á cita deste xoves, dicir que a expedición tivo a súa orixe nos IES María Casares de Oleiros e Santo Tomé Freixeiro de Vigo, de onde procedeu o nutrido grupo de estudantes que tiveron, desta volta, unha nova oportunidade de experimentar con tecnoloxía eficiente (a base desta iniciativa chamada EficienTIC). A rapazada, que recibiu consellos e máis instrucións sobre os camiños que está a tomar a innovación tecnolóxico-dixital, cada vez máis concienciados co sustentábel, tivo oportunidade de interactuar cos investigadores de Gradiant e máis de EnergyLab dos máis diversos xeitos: a través de demostracións das posibilidades da tecnoloxía do coñecemento, visitas guiadas e obradoiros sobre como empregar as novas ferramentas e recursos que nos rodean dun xeito máis eficaz e como esta tecnoloxía pode axudar ao medio natural, xogando un papel ben importante en todo isto as enerxías renovábeis.
Máis en detalle, os estudantes puideron comprobar, por exemplo como segundo a forma de emprego dos dispositivos e os costumes no fogar ou na escola, pódese non só axudar a reducir as emisións de CO2 á atmosfera ou coidar o medio, senón tamén chegar a aforrar un bo diñeiro a final de ano: “Vou facer todo iso na casa, e co que aforren meus pais, hei mercar unha Play Station”, comentaban algúns, segundo informa Gradiant, vendo as posibilidades de aforro.
A organización de EficienTIC amosou a súa confianza en lograr que estas actividades “sirvan para achegar aos rapaces á ciencia e á tecnoloxía e que fagan súas ferramentas que permiten un aforro enerxético considerable”. As xornadas están cofinanciadas pola FECYT.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















