RENFE presenta esta semana en Santiago a súa web accesible

luns, 19 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (AGESTIC), segue adiante co seu compromiso a prol de levar a Rede a todos os recantos da nosa sociedade, mesmo –polos motivos que sexan- a onde non se escoitou falar dela. É neste labor de divulgación e de dinamización onde se insiren os encontros que organiza esta semana en Santiago de Compostela: as Xornadas de Accesibilidade na Web, a desenvolver os días 21, 28 e 29 de xaneiro no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia que a Consellería de Traballo inaugurou recentemente na zona de Conxo.
A xuntanza, que como o seu propio nome indica vai encamiñada a tirar abaixo as barreiras que seguen a manter fóra da era dixital a colectivos con risco de exclusión, busca fomentar o máximo compromiso posible por parte de empresas, entidades públicas e universidades. Para o desenvolvemento destas xornadas e para acadar o máximo poder de convocatoria, AGESTIC contará coa participación de INTECO (a través do Centro de Referencia en Accesibilidade e Estándares Web), AENOR e RENFE, entidade que aproveitará o marco achegado para presentar en primicia –o día 21- a súa páxina accesible. En opinión da devandita asociación empresarial galega, a importancia destes encontros é tripla, tendo en conta os beneficios sociais da loita contra a exclusión dixital: investir en accesibilidade é investir en responsabilidade social empresarial, na mellora da usabilidade da Web e no incremento da súa audiencia. Amais, engade AGESTIC, a empresa que aposte pola universalidade dixital estará a cumprir coa Lei de Medidas de Pulo da Sociedade da Información que obriga ás compañías consideradas grandes a contar, como mínimo, cun nivel medio de accesibilidade nos seus sitios web. Por certo que a xornada deste mércores dará comezo ás 10.45 coa recepción de asistentes para rematar logo á hora do xantar cunha rolda de preguntas e respostas sobre os beneficios da accesibilidade moderada por INTECO.

PUBLICIDADE