RECETGA une a 10.000 Mbps os investigadores de ámbalas beiras do Miño

luns, 30 de maio do 2016 Redacción

As institucións de I+D+i galegas acceden xa á Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Portugal a través da Rede de Comunicacións de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA). Segundo nos conta o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) o pasado 3 de maio celebrouse a xuntanza da comisión de seguimento do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Ministerio de Economía e Competitividade, o Ministerio de Economía, Industria e Turismo, Red.es e a Fundación CESGA para a posta en servizo da rede de fibra escura de conexión entre a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA), a Rede Académica Española (RedIRIS) coa Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Portugal (RCTS).
Nesta reunión, sinala o CESGA, déronse por concluídas todas as actuacións previstas para o despregamento da devandita interconexión, a cal "permite a institucións galegas e portuguesas de I+D+i interconectarse a gran ancho de banda, hoxe habilitado a 10.000 megabits por segundo”. A maiores, esta rede proporciona vías alternativas de interconexión internacional á rede española RedIRIS. Esta actuación está financiada por Fondos FEDER, polo Ministerio de Economía e Competitividade e pola Xunta de Galicia.
Sobre RECETGA
A Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) é unha infraestrutura de conectividade de alta capacidade que proporciona servizos de comunicacións e Internet de alta calidade á comunidade investigadora de Galicia. RECETGA está destinada (entre outras cousas) a achegar comunicacións á comunidade académica e de investigación en Galicia (conectividade a Internet, conectividade entre centros, servizos sobre a rede de multicast, IPv6, VPN de nivel 2 ou 3, realización de testbeds dedicados a experimentos, etc). Tamén facilita o acceso aos servizos ofertados polos propios centros de investigación integrantes de RECETGA (por exemplo os servizos de almacenamento, computación, e-learning e GIS do propio CESGA, a información meteorolóxica de Meteogalicia, contidos didácticos e de investigación de universidades galegas, etc.). A Rede tamén fornece unha contorna tecnolóxica aberta que posibilita a I+D no eido das comunicacións.

PUBLICIDADE