Queres lanza un produto de xestión que facilita ao máximo o traballo documental de PEME e asesorías

martes, 26 de maio do 2015 Redacción

Queres Tecnoloxías, empresa galega TIC, deunos a coñecer este mes de maio a dispoñibilidade do seu produto A3S, que é o sistema de xestión documental Alfresco en modalidade SaaS (software como servizo) para pequenas e medianas empresas. Segundo nos conta Víctor Fariña, CEO de Queres, trátase dun produto moi orientado a empresas, despachos de avogados, asesorías e demais empresas que xestionen unha gran cantidade de documentación e electrónica. Ademais, estamos ante un servizo na nube. Máis polo miúdo, nunha nube ceibe de ataduras.
Así nolo explican: “En Queres proporcionamos as ferramentas e o soporte preciso para que se un usuario non está satisfeito co noso servizo poida migrar de xeito doado a información”. A migración pódese levar a cabo de moitas maneiras, sendo a máis sinxela realizar a exportación de todo o contido do repositorio ao formato ACP (Alfresco Content Package) desde la consola de administración. Este formato é un arquivo comprimido mediante Zip que contén un XML cos metadatos dos documentos e acubilla estes en si mesmos.
Volvendo a A3S, sinalar que un dos seus moitos puntos fortes é a eficacia que pon en xogo para xestionarmos a documentación do noso negocio, ao que cómpre engadir os factores sinxeleza, facilidade e posibilidade de compartir traballo e coñecemento. De feito, sinálase, co novo sistema de Queres podemos compartir arquivos (facturas, contratos, nóminas, notas de prensa, presentacións, información de cliente, listaxes de tarefas, etc), ou cartafoles completos “cun par de clics”. Asemade, o usuario pode colaborar cos integrantes do seu equipo ou con persoas externas á súa organización, podendo tamén iniciar fluxos de traballo para facer seguimento da aprobación de documentos, realizar comentarios acerca destes (de xeito que fica unha traza da vida do mesmo) ou editar en liña e de maneira simultánea con varias persoas á vez.
No que se refire á cuestión dos metadatos (atributos, palabras pequenas que axudan a atopar contidos), A3S posibilita un extra de eficacia na clasificación da documentación e un importante compoñente de aforro en tempos e esforzos. Máis polo miúdo, permite ao usuario etiquetar o contido unha vez e tirar proveito dese traballo o resto da súa vida, sen depender da estrutura de cartafoles que se teña. “A clasificación”, sinalan dende Queres, “é automática na maioría dos casos e no resto deles é moi doado indicar os atributos que desexemos”.

PUBLICIDADE