Pulo dende Vigo para a web dos seis millóns de topónimos

luns, 28 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Carlos Méixome, director do Instituto de Estudos Miñoranos

Sen Rede non hai posibilidade de preservar a nosa cultura, incluíndo a extensa serie de nomes de lugar que atesouramos, tan longa (no caso de sermos exhaustivos) como se poida imaxinar. Poñela en valor e evitar que este rico patrimonio se perda coa desaparición da xente que o usa e o coñece, é un dos obxectivos dunha iniciativa da Universidade de Vigo que a partir de agora contará co apoio do Instituto de Estudos Miñoranos. Esta arela compartida concretarase no desenvolvemento dunha páxina web sobre microtoponimia e talasonimia, e máis nunha topopedia, tarefas que contarán coas achegas documentais do Instituto. Estes servizos, que serán activados en breve, achegaranlle á comunidade internauta a posibilidade ter máis de seis millóns de termos galegos a un golpe de rato. Asemade, terán utilidade para os investigadores, que poderán facer buscas de moi diferentes xeitos, mesmo por sufixos.
A iniciativa insírese nun triplo acordo de colaboración entre ámbalas dúas entidades. A participación do Instituto con sede na vila de Gondomar será ben clara: colaborará cedendo todo o material recollido nos últimos anos a cambio do asesoramento dos investigadores da institución educativa galega.
Con este acordo, informa a Universidade de Vigo, o IEM traballará na recollida exhaustiva de materiais para enriquecer e completar a web desenvolvida pola vicerreitoría de Extensión Universitaria, pero tamén para ligar o Campus do Mar ao eido cultural. Asemade, os convenios inclúen traballos compartidos de estudo etnográfico, arqueoloxía e investigación da historia antiga. Xa nun eido máis concreto, o instituto miñorano achegará asesoramento, entre outras cousas, para as escavacións do xacemento neolítico do Monte das Pedreiras e no Monte das Cabanas.

PUBLICIDADE