Pulo ao coche autónomo e ás infraestruturas de telecomunicacións por parte da Xunta

xoves, 18 de setembro do 2014 Redacción

Alberto Núñez Feijoo avanzou na rolda de prensa tras o Consello da Xunta a cooperación entre o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e a Axencia Galega de Innovación para desenvolver en Vigo, en colaboración con PSA Peugeot Citroën, unha unidade de investigación no eido da condución autónoma, de xeito que na nosa comunidade estaríanse a ver avances que até o momento parecía exclusivos de grandes proxectos de investigación en compañías como Google.
Feijoo resaltou que cun investimento de máis de 4 millóns, o proxecto centrarase no desenvolvemento de novas interfaces entre o condutor e o seu vehículo, apoiándose en probas de realidade virtual e a integración da realidade aumentada, condición indispensable para a introdución no mercado de vehículos autónomos e conectados.
O CTAG achegará especialistas nesta materia, laboratorios, o simulador do que dispón e a pista de probas. A isto sumarase a experiencia profesional de enxeñeiros da fábrica viguesa de PSA Peugeot Citroën; “e, igualmente, desde a Xunta poranse á súa disposición os recursos tecnolóxicos da Axencia Galega de Innovación”.

As novas estradas autonómicas incluirán canalizacións para telecomunicacións

O presidente da Xunta tamén avanzou a aprobación para a súa remisión ao Consello Consultivo do proxecto de decreto que regula a inclusión de infraestruturas de telecomunicacións en todos os proxectos de estradas promovidas polo sector público autonómico, dando un paso fundamental para cumprir cos obxectivos marcados na primeira Lei de Telecomunicacións de Galicia, elaborada coa finalidade de blindar as telecomunicacións como un servizo público que debe ser garantido a todos os cidadáns, e segundo a cal toda nova estrada impulsada en Galicia levará as canalizacións previstas para o seu despregue.
Esta medida ten un dobre obxectivo: en primeiro lugar, o impacto económico; e, en segundo lugar, axilizar notablemente o despregamento das TIC, toda vez que o feito de contar xa con canalizacións establecidas facilitará a consecución de permisos e a velocidade da instalación.
Trátase, polo tanto, dixo, de “impulsar o despregamento” de infraestruturas de telecomunicacións, e de “aproveitar a sinerxía” dos proxectos de construción de novas estradas autonómicas, aseverou, ao tempo que destacou numerosas vantaxes: aforro en tempo e investimento, mellora do aproveitamento do uso do dominio público, e mellora dos servizos públicos, xa que as administracións empregarán estas canalizacións para as súas propias redes como as de emerxencias, os servizos de teleasistencia, os servizos de banda larga móbil, etc.

PUBLICIDADE