Publícase o programa completo da vindeira Maker Faire Galicia

mércores, 14 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Chus Prol falou onte da Maker Faire Galicia no marco do primeiro Encontro Coruña Dixital

Tras o éxito da Compostela Mini Maker Faire, e buscando converterse en todo un referente europeo, para os vindeiros días 1 e 2 de outubro organizouse a primeira Maker Faire Galicia, encontro que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela, xuntando numerosos expoñentes da cultura Maker, achegando este fenómeno á cidadanía, a través de variadas actividades repartidas durante dúas xornadas das que veñen a detallar o seu programa.
O sábado 1 de outubro terá actividades de 10:00 a 19:00 horas, con charlas sobre artesanía e matemáicas, Fab Academy e robótica educativa; mesas de discusión nas que non falarán temas de actualidade como os drons; e numerosos obradoiros que irán dende a papiroflexia e a escultura con vimbio até a robótica e as redes Wi-Fi, pasando polo parkour.
O domingo 2 o horario será máis amplo, pechándose as actividades ás 22:00 horas, e abordando as súas charlas temas como a impresión 3D e a relación da Ciencia do mundo Maker; as súas mesas de discusión abordarán temas como a accesibilidade e o traballo colaborativo; e os obradoiros volverán a ser moi varados, con sesións de gravado, graffiti, robótica, electrónica básica ou música electrónica.
Durante ambas xornadas tamén celebraranse campionatos de robots, sorteos, exhibicións (nas que se verán distintos robots), contarase coa presenza de foodtrucks e sesións de show cooking e incluso concertos.

PUBLICIDADE