Publicada no DOG a orde de creación da sede xudicial electrónica

venres, 23 de setembro do 2016 Redacción

A sede estará accesíbel a través do portal Xustiza.gal

A sede electrónica xudicial de Galicia, da que falamos recentemente para salientar as súas potencialidades (pretende ser unha canle de comunicación segura, fluída e doada entre a Administración de Xustiza e os cidadáns e os profesionais) e máis o feito de que vai ser posta en outubro, recibiu este venres un novo pulo. Segundo informa a axencia AMTEGA e Vicepresidencia (as entidades autonómicas en meirande medida implicadas no impulso da dita eSede), o Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a orde “pola que se crea e regula a sede electrónica xudicial de Galicia, que estará operativa o día 1 de outubro e permitirá aos cidadáns consultar o estado no que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte”.
Segundo engaden a propósito do carácter pioneiro desta iniciativa, Galicia será “a primeira Comunidade en poñer en marcha a súa sede electrónica xudicial, cumprindo os requisitos que marca a Lei 18/2011 do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de Xustiza”.
Lembrar que a consecución da devandita eSede figura como un dos grandes obxectivos do Plan Senda 2020, responsabilidade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. “O que se vai pór en marcha este outono”, informa AMTEGA, “constitúe a primeira fase da sede xudicial electrónica galega”, que irá incorporando funcionalidades de maneira progresiva. Entre estas inclusións vindeiras e paulatinas figuran a posibilidade de iniciarmos en liña procedementos monitorios (metodoloxía para reclamar impagos que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador), a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, o acceso ao taboleiro de editos, notificacións electrónicas ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais nos que se é parte.
“O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial”, explica AMTEGA, que tamén engade que a sede ficará accesíbel en sede.xunta.gal e, tameń dende o portal xustiza.gal.

PUBLICIDADE