Proban a aplicación das Google Glass ao fútbol profesional

luns, 14 de abril do 2014 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos a ver a tecnoloxía de Google Glass en contornos tecnolóxicos, a pasada fin de semana puidemos ver unha aplicación moi visible dos lentes de Google, pois German Burgos, segundo adestrador do Club Atlético de Madrid, fixo uso do coñecido accesorio durante o partido contra o Xetafe CF grazas á colaboración da Liga de Fútbol Profesional (LFP), Mediapro e a Universidade Católica de Murcia (UCAM) que desenvolveron esta acción achegando a información estatística do sistema Mediacoach (desenvolvido pola LFP e cooridinado por Mediapro) a través dunha aplicación nativa para Glass.
Deste xeito, é posible consultar estatísticas de Mediacoach durante un encontro deportivo sen ter que afastar a mirada do campo, ofrecendo análises do xogo en tempo real e a extracción de datos de todos os partidos, subministrando información de grande interese durante o seguimento do encontro deportivo.
Na aplicación estreada a pasada fin de semana Germán Burgos puido consultar as estatísticas agrupadas nas categorías de Xerais, Construción do Xogo, Defensa e Finalización, podendo mudar entre os catros escenarios cun simple xogo co dedo. Esta información actualizábase cada 30 segundos, graza a unha conexión á Rede (que pode ser Wi-Fi ou Bluetooth), aínda que para acceder aos datos históricos non sería precisa tal conexión, pois a información podería pre-cargarse antes dos encontros.

As Glass permiten obter unha vista xeral do encontro dun xeito áxil
O sistema achega información en tempo real durante os encontros (actualizada cada 30 segundos)

PUBLICIDADE