Presentan en ENISE o novo Instituto Nacional de Ciberseguridade

martes, 28 de outubro do 2014 Redacción

Esta mañá presentouse a nova faciana do INTECO, o Instituto Nacional das Tecnoloxías da Comunicación. En realidade, o que se deu a coñecer foi o INCIBE, que é a entidade que vai recoller a testemuña deixada polo INTECO, unha denominación que se suprime do panorama da información pública (de feito todas as ligazóns propias do INTECO levan xa, na Rede, directamente ao INCIBE). A nova entidade (Instituto Nacional de Ciberseguridade) está adscrita tamén ao Ministerio de Industria e ten a súa sede en León. A presentación celebrouse no marco do encontro ENISE, no que participa activamente o centro galego Gradiant.
Segundo se fixo saber, o xurdir da nova entidade responde, ao igual que o seu propio nome, a un interese crecente pola ciberseguridade, “un asunto de máxima prioridade nacional e no que INCIBE terá unha focalización específica”. A nova institución, engadiuse, responde o compromiso incluído na Axenda Dixital para España de converter ao anterior INTECO en centro de referencia en tecnoloxías, recursos e achados de protección TIC. En palabras de Víctor Calvo-Sotelo, secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a creación de INCIBE responde a un “exercicio de reflexión estratéxica cuxos resultados son un cambio de denominación e a consecución dunha imaxe íntegra, coherente, rigorosa e agardada coa ciberseguridade como leit motiv presente e futuro?”.

PUBLICIDADE