Presentan a primeira tableta converxente con Ubuntu

xoves, 4 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Canonical continúa a unir forzas co fabricante español Bq, e tras comercializar versións dos seus smartphones integrando o sistema operativo Ubuntu en vez de Android, trasladan agora a xogada ao sector das tabletas, e anuncian o primeiro produto totalmente converxente de Ubuntu, a tableta Bq Aquaris M10 Ubuntu Edition, que achega tanto unha experiencia de tableta (cunha interface táctil orientada á mobilidade) como unha experiencia de escritorio Ubuntu completa (a habitual nos ordenadores con Linux).
Esta nova solución converxente busca ofrecer unha xestión de fiestras e multi-tarefa sen esforzo, un amplo abano de aplicacións de escritorio e soporte de clientes lixeiros para mobilidade e produtividade, servizos integrados con notificacións de escritorio, a posibilidade de organizar as aplicacións para axilizar o seu acceso, unha administración de ficheiros sinxela, aplicacións que se adaptan para un uso táctil ou de escritorio, a posibilidade de empregar ferramentas telefónicas e de mensaxería dende o escritorio e a solvencia e seguridade que supón Ubuntu.
No que ao hardware se refire, a tableta Aquaris M10 Ubuntu Edition conta cunha pantalla Full HD de 10,1 polgadas, procesador MediaTek MT8153A de catro núcleos a 1,5 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 7.280 mAh, un grosor de 8,2 milímetros e un peso de 470 gramos. Un produto que na súa versión con Android 5.1 ten un prezo de 259,90 euros e que estará dispoñible con Ubuntu no segundo trimestre do ano.

PUBLICIDADE