Presentan a plataforma de préstamo de libros electrónicos das bibliotecas públicas galegas

luns, 20 de outubro do 2014 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado pola subdirectora xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporto, Concepción Vilariño, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a director da AMTEGA, Mar Pereira, e a subdirectora xeral de Bibliotecas da Consellería, Cristina Rubal, presentou en rolda de prensa o novo programa de préstamo de libro electrónico que pon a disposición dos usuarios das bibliotecas públicas galegas un nutrido catálogo de libros e audiolibros en galego e español cun total de 1.710 títulos, 11.100 licenzas e a posibilidade de realizar 277.000 descargas durante as 24 horas do día os 365 días do ano.
Vázquez Abad salientou que tamén teñen previsto que a colección en liña GaliciaLe “se vexa ampliada con novas obras e licenzas, así como con álbums ilustrados e un libro interactivo, o cal suporá unha novidade importante, xa que se trata dunha oferta de contidos dixitais en galego para os máis pequenos pioneira en España”, buscando igualmente “contribuír a que ningún de nós perdamos o tren da lectura dixital”.
Pola súa parte Mar Pereira afirmou que a Administración galega asumiu hai cinco anos o reto de conseguir que todos os galegos teñan acceso a uns servizos públicos dixitais de calidade e que GaliciaLe é unha excelente ferramenta para facilitar o acceso a lectura na nosa comunidade, na que máis do 22% dos galegos, que compran por Internet, adquiriron libros revistas e xornais no último ano e preto do 60% prefire descargar libros electrónicos en vez de recibilos por correo postal, 4 puntos por riba da media estatal. A directora da AMTEGA sinalou que GaliciaLe é unha peza nunha estratexia global que, no medio prazo, ten como obxectivo que Galicia conte cun único sistema de xestión para todas as bibliotecas da Comunidade e un catálogo único que permita acceder online a todos os fondos bibliográficos da rede de bibliotecas de Galicia.

Préstamo dixital de balde

Para facer uso deste novo servizo soamente é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, conexión a internet e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. O usuario poderá tomar en préstamo ata un máximo de dous libros durante un prazo máximo de 21 días. Se a obra ou obras que se buscan están prestadas, poderanse solicitar en reserva (ata un máximo de dúas). Unha vez realizado o préstamo, o usuario poderá optar pola lectura en liña ou descargar o libro electrónico en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e/ou lectores electrónicos.
A colección está composta por 1.710 títulos que cobren diferentes campos da cultura e do coñecemento e van dirixidos tanto ao publico adulto como infantil, estruturados en oito campos: ficción para público adulto, infantil e xuvenil, ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, saúde, desenvolvemento persoal, ocio, deporte e informática, idiomas, audiolibros, aplicación interactiva e, proximamente, álbum ilustrado.

PUBLICIDADE