Presentado en Akademy 2015 un novo sistema operativo móbil, Plasma Mobile

luns, 27 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

O evento Akademy 2015 que se celebra estes días na Facultade de Informática da Universidade da Coruña está a ser, como se prevía, fonte inesgotábel de novas ideas e proxectos, algúns deles xa prontos para seren empregados a fondo. Sen ir máis lonxe, o foro que organiza GPUL acolleu o sábado 25 a presentación dun novo sistema operativo móbil, alternativa a Android e máis a iOS. O evento, que reúne a uns 200 expertos en software libre todo o mundo, vén da man das asociacións GPU e KDE e.V, en colaboración coa Universidade da Coruña. Desenvólvese dende o 23 de xullo até o día 31. Trátase do acontecemento internacional máis importante para o desenvolvemento do escritorio libre KDE.
Segundo nos contan dende a organización, o anuncio máis importante producido até a data no evento foi a presentación a nivel mundial do devandito sistema operativo móbil, unha ferramenta desenvolvida pola comunidade KDE chamada Plasma Mobile e que, nas súas palabras, “será un novo competidor no mercado actual, dominado case na súa totalidade por Android e Apple”.
Sebastian Kügler, desenvolvedor principal do proxecto, adiantou que ademais da facilidade de uso, unha das características fundamentais é a protección dos datos do usuario. Así, dixo, “o sistema respectará a nosa privacidade e non enviará información a compañías externas sen a nosa confirmación”. Por outra banda, o desenvolvemento parte dunha idea de base, a aceptación da importancia de Android no mercado actual, polo que o grupo está arestora traballando nas compatibilidades coas aplicacións do sistema operativo de Google. Segundo se anunciou en Akademy, en datas vindeiras os usuarios poderán executar as aplicacións ás que xa estean afeitos no seu teléfono. Plasma Mobile é a día de hoxe un prototipo, pero no foro da Coruña foi posíbel ver e probar o seu funcionamento.
Sebastian Kügler na presentación do sistema libreO evento contou tamén con unha conferencia plenaria a cargo de Matthias Kirschner, vicepresidente da Free Software Foundation Europe (FSFE). No seu relatorio, centrouse na tecnoloxía como garante e ao mesmo tempo ameaza aos nosos dereitos e liberdades. Outra das intervencións versou sobre o proxecto da UNESCO para preservar o patrimonio cultural dixital. A organización mundial, consciente da importancia que ten conservar o patrimonio cultural dixital, encetou proxecto UNESCO persist. O relatorio foi impartido por Jos van den Oever, quen participou en varias reunións do grupo de traballo da UNESCO representando ao goberno holandés.
Akademy 2015 conta coa colaboración da Universidade da Coruña, da AMTEGA, e da Xunta de Galicia, así como co patrocinio de empresas e entidades tecnolóxicas como Google, The Qt company, openSUSE, Blue Systems, Igalia, KDAB, Intel, Igalia, Red Hat, Open Invention Network (OIN), froglogic e golem.de.

PUBLICIDADE