Presentada a nova aplicación de realidade virtual do Mercado de Santiago

venres, 22 de maio do 2015 Redacción

Compostela acolleu hoxe a presentación dunha ferramenta móbil sobre o Mercado de Santiago. Máis polo miúdo, trátase dunha aplicación de realidade virtual, posta en marcha para “reforzar o atractivo turístico” da infraestrutura compostelá trala súa recente rehabilitación. A app, desenvolvida polo CIS Galicia, ten entre as súas finalidades rachar os posíbeis atrancos que afasten as novas tecnoloxías, en todas as súas modalidades e formatos, dos sectores produtivos tradicionais (e polo tanto estratéxicos). Posibilita, entre outras cousas, realizar un paseo virtual pola praza e percorrer os seus recantos dende calquera trebello con Android.
A ferramenta foi dada a coñecer oficialmente polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
A iniciativa insírese na campaña Quere o teu mercado, que se celebra en 16 países de Europa, América e Asia entre o 15 e o 30 de maio, e coa que a Xunta busca implicar a toda a sociedade no impulso ás prazas de abastos. Coa de Santiago, concorren na iniciativa medio cento de emprazamentos de venta tradicionais de toda a nosa xeografía. Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.
Segundo fai saber a Consellería de Economía, impulsora da devandita campaña, esta preséntase como “unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, salientando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados”.

PUBLICIDADE