Preparan un plan para achegar portátiles aos estudantes de primaria españois

mércores, 22 de abril do 2009 Marcus Fernández

Esta mañá Radiocable informou en primicia de que o Goberno está a ultimar un plan para permitir que cada alumno de primaria conte cun ordenador persoal portátil para poder substituír o caderno e os libros, o que sería toda unha revolución educativa, e que implicaría a toda a industria, tanto a informática (nas conversas terían participado Intel e Microsoft), como a banca e as operadoras de telecomunicacións (Vodafone).
O Ministerio de Educación tamén estaría a manter contactos coas editoriais para a dixitalización dos libros de texto, e aínda que este proxecto vaia a ter unha aplicación progresiva, agárdase o seu inicio para algúns cursos de primaria a partir do vindeiro curso.
Este plan sería obra da ministra Mercedes Cabrera, e debería contar co financiamento do Goberno e das comunidades autónomas, e na actualidade estaría a negociarse o prezo dos equipos cos fabricantes.
Aínda que dende Radiocable comparen esta iniciativa coa do proxecto One Laptop Per Child de Negroponte, o certo é que ten máis semellanzas co programa e.escolinha que se está a desenvolver en Portugal, no que os cativos poden adquirir un ordenador Magalhães, que non é máis que un Classmate PC de Intel, que ten toda a pinta de ser o tipo de equipos que se incluirían na iniciativa española, xa que o proxecto OLPC non parece contar coa confianza dos distintos gobernos cos que deus os seus primeiros pasos (e dos que poucos chegaron a finalizar os pedidos de equipos comprometidos inicialmente).

Os Classmate PC están deseñados para o seu uso por rapaces, facendo moi doado o seu transporte, e sendo moi resistentes

PUBLICIDADE