Pontevedra será sede dun evento mundial para a creación de servizos públicos innovadores: Global GovJam

luns, 2 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Participantes na anterior edición da xuntanza celebrada en Pontevedra

Pontevedra vai ser a sede dun encontro mundial inserido nas tendencias actuais (participativas) das cidades intelixentes (smart cities) e a eAdministración. Trátase de Ponte GovJam, unha iniciativa a desenvolver ao abeiro de Global GovJam, encontro mundial dirixido a cidadáns, funcionarios públicos e especialistas en innovación co obxectivo de deseñar e dar forma a diversos prototipos de novos servizos públicos nun prazo limitado de 48 horas. O evento en cuestión celébrase de xeito simultáneo en case medio centenar do países. A cita será o 7 de xuño. O reto a superar, comunicado o día anterior, será un reto común. Trátase de desenvolver pequenos equipos para construír solucións creativas e vangardistas que resolvan “os desafíos aos que se enfronta o sector público”.
A primeira experiencia piloto, informan os organizadores do certame, foi levada a cabo no ano 2012 polo Goberno australiano en colaboración coa empresa alemá Work Play Experience, contando coa participación de máis de 30 cidades en 5 continentes e da que xurdiron máis de 120 proxectos e prototipos. Os países que participarán nesta edición por agora son: Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Alemaña, Singapur, España, Corea do Sur, Suíza, Taiwan, Dubai, Gran Bretaña e Estados Unidos.
Os obxectivos da xornada son “potenciar a capacidade creativa para a resolución dun reto común aplicando ferramentas enfocadas a fomentar a innovación nas administracións e no sector público; adquirir coñecementos sobre novas tecnoloxías e metodoloxías relacionadas coa innovación nas organizacións dunha forma divertida, motivadora e estimulante; fomentar o traballo en equipo e o networking entre profesionais; e xerar servizos e construír prototipos”.
Trátase da segunda vez que o evento se celebra en Pontevedra (o mes de marzo), e para os que queiran facerse unha idea de en que consiste exactamente, dicirlles que na web da xuntanza hai un vídeo habilitado na Rede a xeito de crónica.
A actividade está dirixida a 30 asistentes, sen límite de idade. A participación está aberta a todos os interesados no deseño de servizos, cidadáns, funcionarios públicos e especialistas en innovación. Non se require experiencia no sector público. O encontro será o vindeiro 7 de xuño de 2014 en Espazo Arroelo, empresa organizadora da experiencia en Pontevedra. Arroelo é un acubillo de coworking xestionado por María Pierres e África Rodríguez que nace co fin de dar resposta á demanda dun lugar común de traballo para autónomos e PEME. Arroelo púxose en marcha en 2013 e actualmente ao redor de 36 persoas co-traballan nel. Ofrece aos participantes o espazo, materiais e o apoio dunha serie de profesionais de apoio con experiencia no desenvolvemento de proxectos, como son Pablo López, Raquel Pedrouso, José Romero Crusat, Diego Parajó e Roberto Pérez Marijuan, expertos en desenvolvemento de proxectos e adestramento. No desenvolvemento do encontro participan como colaboradoras as empresas que forman parte de Espazo Arroelo: Sofía Martínez ReY, Lucía Rodríguez, Les Siamoises, O Espello Máxico Producións, Al Lío, Elefantes de Cacharrería, Til Diacrítico, Comunicamos, Zoraida Ferreras e Pepinho Quintela.

PUBLICIDADE