PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Pontevedra acolle unha mostra do deseño publicitario galego en liña entre o 17 e o 30 de marzo

luns 12 de marzo do 2007, por Raquel Noya | | Compartir en Tuenti | Compartir |

Os internautas galegos vinculados ó deseño e á comunicación social teñen moitas opcións estes días de atopar nas súas contas de correo electrónico unha tarxeta virtual que os convide a participar no Fondo Documental do Deseño Galego, unha proposta do Concello de Pontevedra (posta a andar en xaneiro de 2007) e que está a converter á cidade do Lérez nun dos espazos máis senlleiros da nosa terra en materia de deseño. A iniciativa, se cadra unha das máis salientables dende o punto de vista artístico da tempada (tratándose como se trata dunha proposta institucional), inclúe a organización das mostras Deseña GZ e Icono GZ, previamente convocadas a través da Rede.
Constitúen dúas alternativas integradas dentro do proxecto europeo Interreg III Pontevedra-Braga 2007-2010 para a dinamización dos centros históricos e que se desenvolverán entre o 17 e o 30 de marzo no casco antigo da cidade. Deseña GZ é unha mostra de deseño gráfico galego que ten por finalidade dar a coñecer o traballo dos creadores da nosa terra (tradicionalmente labor pouco recoñecida) que se estrutura en dúas partes: Deseña Antolóxica, que fai un pequeno percorrido histórico pola creatividade galega do século XX, dende 1900 ata 1990 e Deseña Contemporánea, que exhibe as composicións máis actuais, con deseños publicados a partir do ano 2000.
Por outra banda, Icono Gz é un exercicio experimental de participación popular, que vai encamiñado a implicar á cidadanía na selección dos dez mellores símbolos icónicos que definen o noso país. Para esta mostra, foron seleccionados os corenta pictogramas máis significativos de Galiza, dende os pementos de Padrón ata a Catedral de Santiago, realizados polo ilustrador pontevedrés Kiko da Silva.
As pezas desta outra exposición (paralela no tempo a Deseña GZ) poderanse ver penduradas dos balcóns e nas rúas do centro histórico de Pontevedra e tamén a través da web www.pontevedra-braga.org, onde se poderá votar pola favorita.
Esta proposta cultural da cidade do Lérez inclúe ademais un ciclo de conferencias, que se celebrarán na Casa das Campás nas seguintes datas:

· Luns, 19 de marzo: Jesús Seoane, da Facultade de CC.SS. e da Comunicación (Pontevedra): O futuro do deseño en Galiza.
· Martes, 20 de marzo: Miguel Conde, de BAP&Conde (Coruña): Pancreatividade, unha filosofía de traballo.
· Mércores, 21 de marzo: Rei Zentolo + Ovo Publicidade (Pontevedra): Cómo crear a túa propia empresa de deseño.
· Martes, 27 de marzo: Xosé María Torné, de Torné e Asociados (Coruña): Unha reflexión sobre as identidades das institución.
· Mércores, 28 de marzo: Cándido Alonso, de C/A Gráfica (Vigo): As artes gráficas. Unha historia de tecnoloxía, arte e comunicación.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS