Pontevedra abrirá unha fiestra ás tecnoloxías do futuro durante a celebración do TEK-FEST

venres, 16 de setembro do 2016 Redacción

Tecnoloxías como o big data, a realidade virtual, a arte dixital ou as cartografías urbanas serán as protagonistas da I edición do TEK-FEST, Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes, que baixo o lema de #ACidadeDoFuturo pretende «situar a Pontevedra no mapa das novas tecnoloxías e fomentar o emprego destas tecnoloxías para mellorar o mundo», tal como sinalou esta mañá en rolda de prensa a Concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Anabel Gulías, que estivo acompañada polo director creativo do TEK-FEST, Toño Cabanelas, para presentar os contidos e programación do evento.
Cabanelas destacou a presenza de expertos, tecnólogos e artistas «de calado internacional» como Miguel Espada de EspadaySantaCruz, un dos mellores estudos creativos de arte dixital, que realizará no Pazo da Cultura o 30 de setembro unha instalación interactiva feita con lámpadas incandescentes, baseada no proxecto Light Kinetics que presentou recentemente no MOMA de New York. A instalación, unha obra de arte efémera que só se poderá ver ese día no TEK-FEST, e que está inspirada na Ponte do Burgo de Pontevedra, será aberta a todos os veciños da cidade, visitantes e participantes nas actividades do TEK-FEST, xunto cunha performance sonora a cargo do crítico de arte José Manuel Costa , do programa Retromanía (Radio 3) que fará un percorrido pola historia dos distintos soportes sonoros ao longo do século XX e como estes foron modificando o comportamento das persoas nas cidades.
Anabel Gulías salientou especialmente esta unión entre tecnoloxía e música, como exemplo da visión que o TEK-FEST quere mostrar, que vai máis alá de mostrar meras ferramentas, senón que pretende mellorar a vida da cidadanía a través da información, a educación, o turismo ou a industria . Así o detallou Toño Cabanelas presentando a programación do Symposium do 30 de setembro, no que persoas relevantes a nivel internacional procedentes da filosofía, o deseño, a moda, a programación e a música reflexionarán sobre a cidade do futuro no entorno dixital. Como mestre de cerimonias actuará o xornalista Manuel González, director do programa de Televisión Española Zoom Net, dedicado á información tecnolóxica.
A conferencia inaugural do Symposium correrá a cargo do filósofo Pedro Medina​ e o deseñador Javier Maseda​, do estudio Sopalmo, que reflexionarán sobre a evolución histórica da noción de cidade e como a tecnoloxía dixital proxecta o seu futuro. Tras eles intervirá a deseñadora Isabel Berz​, unha das maiores innovadoras do mundo na fusión de moda, tecnoloxía e proxectos sociais, que falará sobre A nova educación: cara a un novo modelo baseado na innovación e na investigación. Javier Noguerol​ de CARTO achegaralles ás persoas asistentes unha introdución ao big data relacionado coas cidades, e Jimena Merino​, unha das primeiras directoras artísticas de realidade virtual que hai en España, falará da democratización da realidade virtual e da imaxe inmersiva a través do seu uso nas redes sociais, con exemplos prácticos.

PlayStation VR en primicia

Para as persoas máis ganas de fedellar o TEK-FEST ofrecerá a posibilidade de probar de primeira man moitas das tecnoloxías de realidade virtual máis avanzadas , mesmo algunhas que aínda non están no mercado, como a próxima consola en realidade virtual de Sony, a PlayStation VR , que revolucionará o mundo dos videoxogos con entornos inmersivos en 360º. Para poder probar esta consola e outros gadgets como as gafas de VR interactiva HTC Vive ou os últimos modelos desenvolvidos por marcas como Samsung, todas as persoas que queiran poderán achegarse o 30 de setembro pola tarde ao Pazo da Cultura ou o 1 de outubro durante todo o día na Casa da luz de Pontevedra.

Obradoiros para crear mapas de datos e realidade virtual

A convocatoria para os obradoiros do TEK-FEST está aberta ata o 20 de setembro, quedando algunhas prazas dispoñibles para os profesionais que queiran asistir. Trátase de dous obradoiros de 12 horas que se celebrarán simultaneamente durante 3 días, do 27 ao 29 de setembro . O primeiro deles titúlase VR 360: Audio, Video & Programming e estará impartido por Antonio Víctor García-Serrano (Zakato), un dos mellores camarógrafos 360 a nivel mundial, e polo estudio Bermudas Land , pioneiros da VR en España con sede en Galicia e Madrid. Xuntos veñen de ser seleccionados pola prestixiosa mostra Kaleidoscope pola súa obra Fragments, realizada en 2015 na Illa de San Simón e considerado o primeiro fashion film en realidade virtual en todo o mundo. A peza poderá verse en San Francisco o 30 de setembro, data na que se conectará dende o TEK-FEST en directo para presentar ese gran fito da VR en España.
O segundo taller leva por título Carto: Location Intellingence e estará impartido por Javier Noguerol, responsable de intelixencia de produto de CARTO , unha empresa con sede en Madrid que é das máis destacadas internacionalmente na análise e visualización de datos xeolocalizados. Neste obradoiro os participantes crearán os seus propios mapas interactivos da cidade de Pontevedra a partires de datos abertos relacionados co medio ambiente e o gasto enerxético, e aprenderán a usar esta tecnoloxía a través da ferramenta CARTO Builder, pensada para deseñadores, xornalistas e perfís profesionais que traballan con datos pero sen precisar saber programación.
A matrícula de cada obradoiro custa 300 euros e formalizarase logo dun proceso de selección entre os aspirantes a participar. Para o simposio, que será a xornada de conferencias do día 30 de setembro, as estradas están xa á venda a un prezo de 30 euros. As actividades do venres pola tarde e o sábado todo o día son de entrada libre.

PUBLICIDADE