Ponte Caldelas estrea rexistro electrónico

mércores, 28 de setembro do 2016 Redacción

A pasada semana o Concello de Ponte Caldelas anunciaba o seu afianzamento definitivo no ámbito da Administración Electrónica, eliminado o papel e empregando (o alcalde, os concelleiros do grupo de goberno e os traballadores públicos) a sinatura dixital e o Rexistro Electrónico. Emporiso, era hoxe cando o Concello pontevedrés estreaba este eRexistro, cumprindo así co prazo legal do 2 de outubro para adaptarse a unha lei que mudará o engrenaxe de todas as administracións públicas.
Segundo o alcalde, Andrés Díaz, o Concello de Ponte Caldelas métese de cheo no século XXI a través de tres frontes complementarios: o político (coa sinatura dixital e todo tipo de notificacións aos concelleiros a través de novos soportes), o funcionarial (coa tramitación dos expedientes) e o público (cun novo xeito de relacionarse cos cidadáns).
Cómpre sinalar que o cambio máis significativo vén dado pola introdución do Rexistro Electrónico, isto é: os cidadáns poderán presentar solicitudes e todo tipo de instancias durante as 24 horas dos 365 días do ano a través do soporte web municipal. Até o punto de que as solicitudes que se rexistren de xeito presencial (formato papel) serán dixitalizadas polo persoal da oficina de Rexistro para a súa conversión a formato electrónico.
Dende agora, o Concello de Ponte Caldelas abandona o papel na tramitación dos expedientes, que pasan a ser electrónicos. Engadir que só as comunicacións cos cidadáns sen medios suficientes para relacionarse coas novas tecnoloxías continuarán realizándose polo método tradicional.
Alén disto, o Concello de Ponte Caldelas empregará o Centro de Procesamento de Datos da Deputación Provincial para o arquivo dos expedientes que vaia xerando e dos xa pechados que se decida dixitalizar por razóns de utilidade pública, polo que o voluminoso Arquivo Municipal pasará tamén ao mundo dixital.
E que vai supor esta mudanza para os cidadáns? Pois non só poderán presentar de xeito telemático todas as solicitudes e documentos administrativos, senón que tamén poderán consultar dende a súa casa o estado dos expedientes nos que teñan a condición de interesado.
Por último, sinalar que a responsábel desta xestión foi a plataforma de esPublico Gestiona, tanto para introducir o sistema como para a formación do persoal municipal e todos os resultados.

PUBLICIDADE