Pokémon GO comeza a perder pulo

martes, 23 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Número de usuarios activos de Pokémon GO segundo datos de Apptopia

Non hai dúbida en que Pokémon GO é o fenómeno de masas do verán, pero o seu ritmo non podía manterse a longo prazo, e segundo Axiom Capital Management xa estaría a decaer, e iso que aínda non completou o seu espallamento global (non chegou oficialmente a países como Rusia, China ou India), e se comprobamos a través de sistemas como Sensor Tower, SurveyMonkey ou Apptopia, apréciase que o número de usuarios activos, o volume de descargas e o tempo diario que se dedica á aplicación está a caer, mantendo aínda volumes moi importantes, pero deixando clara unha tendencia ante a que Niantic debería reaccionar, xa que parece que estamos simplemente ante unha reacción ante a falta de novidades do xogo, que aínda está lonxe dun funcionamento correcto, e carece de atractivos modos competitivos que enganchen aos usuarios.

Escorrentadas en Taiwán

Pero que a nivel global o xogo non estea en máximos non quere dicir que deixase de ser un fenómeno impresionante, provocando escenas como as difundidas por unha canle de televisión taiwanesa e distintas redes sociais, nas que podemos ver auténticas escorrentadas humanas polas rúas supostamente procurando atrapar un Snorlax no distrito de Xinbeitou.

Vídeo no que podemos ver unha suposta escorrentada humana en Taiwán por mor da aparición dun Snorlax na zona

PUBLICIDADE