Plex chega á PlayStation 4

mércores, 17 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O pasado mes de outubro a Xbox One celebraba a estrea do xestor de contidos multimedia Plex, pero a consola de nova xeración de Sony non quere quedar atrás, e hoxe anuncian que Plex xa está dispoñible para PlayStation 3 e PlayStation 4, o que é unha magnífica nova para os usuarios que queren ter organizados os seus vídeos de cara á súa reprodución no salón.
A aplicación de Plex para PS4 xa está dispoñible en Europa e parte de Asia, e inicialmente só serve para xestionar vídeos e é exclusiva para usuarios que teñan contratado Plex Pass, agardando que futuras versións poidan tamén servir para xestionar música, fotografías e canles, e poida empregarse por parte de usuarios que non teñan Plex Pass.
O soporte de contidos para PS4 está limitado a vídeos en MP4 codificados en H.264/AAC a até 20 Mbps con resolucións até 1.080p, mentres que no caso da PS3 a máxima resolución sería 1.280 x 720 píxeles. Polo momento carece de soporte de audio DTS (os contidos en tal formato transcondificaranse a AAC ou AC3) e tampouco admite polo momento ficheiros que empreguen o contedor MKV.
Plex permite organizar todos os nosos videos, de xeito que facilita o seu acceso dende distintos dispositivos, de xeito que a nosa colección de vídeos privada pode centralizarse e xestionarse de xeito elegante (con descricións detalladas e carátulas) podendo incluso levarse unha administración das nosas reproducións, para saber en que episodio dunha serie de televisión imos, ou se xa reproducimos unha película anteriormente. Temos así unha ferramenta moi práctica que non só está orientada a ordenadores persoais, senón que actualmente tamén facilita o consumo audiovisual dende smartphones, tabletas, dispositivos como o Chromecast e incluso consolas de videoxogos (como vemos agora).

PUBLICIDADE