Pleiteando.com estrea Área Premium

venres, 28 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

As redes sociais non teñen sempre carácter global e horizontal coma Facebook ou Twitter, existindo plataformas verticais dirixidas a responder a demandas do mercado como a luguesa Pleiteando.com, que busca converterse nun referente en cuestións legais (tanto para particulares como para profesionais) en España e América Latina, para o que leva meses procurando axudar a que todo aquel que precise axuda en torno a cuestións como separacións, disolucións empresariais, herdanzas, accidentes, multas… poida atopar rapidamente unha solución, apoiando esta busca de profesionais da avogacía en ferramentas da web social, en constante evolución, e que nos pasados días deu un importante paso para capitalizar este proxecto: a apertura dunha Área Premium.

A Área Premium de Pleiteando.com incorpora un comparador de profesionais

Neste novo espazo da rede social xurídica creada en Lugo será posible crear un perfil premium persoal ou corporativo (cun prezo de 3 euros/mes) onde amosar toda a información de carácter profesional do usuario, como a información de contacto, as áreas de especialidade, ligazóns a páxinas web e a outras redes sociais, vídeos relativos á actividade profesional, un mapa de localización, información relativa aos colexios profesionais, aos idiomas, aos honorarios, xeitos de pagamento aceptados, casos nos que se tivese intervido… podendo tamén acceder a unha completa estatística para analizar o retorno da presenza en Pleiteando.
Os usuarios poden localizar a diferentes profesionais, para consultar as súas fichas, remitirlles consultas e incluso poder realizar unha comparación dos mesmos. Tamén existe unha sección para a promoción publicitaria de servizos nesta plataforma que conserva a súa área social tradicional, pero que grazas á nova Área Premium conseguen un mellor aproveitamento do servizo por parte de profesionais.


Vídeo de introdución á Área Premium de Pleiteando.com

Rodolfo Alonso Albella, de Pleiteando.com

PUBLICIDADE