PlayStation Plus ofrecerá aos seus subscritores a remasterización de Day of the Tentacle

mércores, 28 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Tras un mes de decembro cheo de xogos irrelevantes na oferta de PlayStation Plus, Sony anuncia os títulos que achegará aos seus subscritores en xaneiro, entre os que practicamente só destaca un xogo, Day of the Tentacle Remastered, a recuperación don clásico de Ron Gilbert, que lanzou LucasArts e 1993 como secuela de Maniac Mansion, e que conseguiu converterse nun dos grandes referentes das aventuras gráficas, e que agora pode xogarse tanto con gráficos en alta resolución ou cos gráficos orixinais do xogo. A este xogo de PlayStation 4 que estará dispoñible a partires do 3 de xaneiro acompañarao tamén The War of Mine: The Little Ones, un xogo independente deste mesmo ano que somerxe ao xogador nunha experiencia bélica facendo reflexionar a través da perspectiva dun grupo de civís que tenta sobrevivir.
Para PlayStation 3 os xogos que chegarían a través de PlayStation Plus serían o arcade de carreiras BlazeRush e o curioso The Swindle, un xogo de infiltración cibernética ambientado en 1849 nun Londres steampunk.
No caso da PlayStation Vita os xogos serían o quebracabezas Azken 2: The World Beneath e o xogo de acción Titan Souls.
Cómpre salientar que The Swindle é compatible para PS4, PS3 e PS Vita, Day of the Tentacle Remastered tamén funciona en PS Vita e Titan Souls tamén é compatible con PS4.

JPEG - 139.7 KB
A remasterización de Day of the Tentacle chega con gráficos de alta resolución

PUBLICIDADE