PiPO X8, unha mestura de ordenador e tableta para conectar ao televisor

martes, 21 de abril do 2015 Marcus Fernández

Dende Notebook Italia sorprenden amosando un curioso produto que está a preparar o fabricante chinés PiPO, e que sería unha especie de híbrido entre tableta e ordenador conectado ao televisor que describen como “Windows TV box+desktop Tablet” e que podería ser un orixinal xeito de acceder a contidos multimedia no televisor.
O PiPO X8 sería principalmente un equipo con pantalla táctil de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600, procesador Intel de catro núcleos Z3735F (a 1,83 GHz) ou Z3736F (a 2,16 GHz), 2 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno, 4 portos USB 2.0, saída HDMI, 1 porto RJ45, saída de audio, lector de tarxetas microSD, Wi-Fi N e Bluetooth 4.0, que funcionaría con Windows 8.1 con Bing.
Temos así un equipo que comportaríase como un ordenador completo, que podería empregarse conectado a un monitor ou a un televisor, sendo especialmente atractivo neste último caso, xa que serviría para ver contidos en liña en pantalla grande, reproducir vídeos nos máis populares formatos e incluso xogar en liña, podendo controlarse dun xeito sinxelo a través da pantalla táctil da súa tableta de escritorio.
Un dos detalles máis rechamantes dos desvelados por Notebook Italia sería o feito de que este equipo podería contar cunha variante que tería arranque dual Windows 8/Android, o que incrementaría considerablemente a súa versatilidade, xa que facilitaría o uso de plataformas de contidos destinadas a dispositivos móbiles que en non poucas ocasións están ausentes para equipos de escritorio.


O PiPO X8 en vivo nunha feira de electrónica de consumo

PUBLICIDADE