PéZcalo prepárase como unha tenda en liña aberta á participación

mércores, 26 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Javier Sousa e Iván Fociños están a desenvolver unha nova páxina web de venda de artigos de pesca deportiva chamada PéZcalo, que busca converterse no referente do mercado e que, aparte de ofrecer unha ampla variedade de produtos, terá un espazo para que os afeccionados poidan consultar información, compartir experiencias e iniciar debates sobre os temas que resulten do seu interese.

PéZcalo premia a subscripción á súa newsletter

Este proxecto galego estase fraguando cun claro compromiso de web social, o que queda evidente no feito de que os primeiros pasos deste plataforma de e-commerce poidan seguirse nun blog no que contan dende a posta en funcionamento da súa páxina web ata a o deseño das súas novas tarxetas de visita. Tamén é posible seguir este proxecto a través de Twitter e Facebook.
A xeito de promoción de lanzamento, os afeccionados á pesca que se rexistren na lista de distribución de correo de PéZcalo conseguirán que os gastos de envío de balde no seu primeiro pedido cando a tenda en liña estea dispoñible (en poucas semanas).
Con poucos días de vida o proxecto PéZcalo xa foi recoñecido pola Fundación Ronsel co premio MOCE, galardón que pretende dar un pulo ao traballo dos emprendedores que co seu esforzo contribúen ao desenvolvemento económico, a creación de riqueza, progreso e benestar de Galicia. Os premios contan coa colaboración da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia e a Obra Social de Nova CaixaGalicia.

Iván Fociños e Javier Sousa, fundadores de PéZcalo

PUBLICIDADE