Patrimoniogalego.net convida á participación para inventariar e protexer os nosos bens

martes, 24 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

O Castro de Baroña, unha das xoias do noso patrimonio e, tamén, unha das máis castigadas

Teñen os nosos Bens Culturais quen lles vala na Rede? Sen dúbida si que tiñan, e máis que van a ter a partir de agora. A falta dunha defensa e unha conservación máis claras e máis firmes das administracións, tiveron que ser os internautas galegos os que puxeran en marcha unha iniciativa que dese continuidade e unidade ao seguimento colectivo do noso patrimonio levado a cabo dende a Internet dun xeito máis individual. Falamos de patrimoniogalego.net, mestura de observatorio, rede social e catálogo en liña do que xa adiantamos obxectivos en Código Cero pero que avaliamos agora en máis detalle con motivo da súa apertura firme cara á colaboración cos internautas.
O proxecto, promovido polo noso compañeiro Manuel Gago, profesor da USC e autor do blog Capítulo Cero, será tamén como un gran ollo que dea conta de tódolos atentados que sufra o noso patrimonio cultural.
Dende un punto de vista técnico, trátase dun sistema de xestor de contidos apoiado en Google Maps que ten como finalidade, propiamente falando, a elaboración colectiva dun Catálogo Social do Patrimonio Cultural Galego. En boa medida, bebe das fontes da Galipedia e da Wikipedia, pero con vontade de involucrar de xeito máis directo á xente e de tirar o máximo partido posible das novas ferramentas. De feito, o seu xermolo está na rede social Facebook, onde se creou un grupo de preto de 200 persoas discutindo sobre a posibilidade de crear unha Mesa polo Patrimonio de Galicia. Este debate, unido á necesidade de pór freo á longa listaxe de despropósitos que se rexistran na nosa terra en materia de xestión e conservación dos bens culturais, fixo posible a posta en marcha de patrimoniogalego.net.
En boa medida, o espírito de colaboración e de comunidade activa que lle é propia a unha chea de iniciativas de Facebook, transmitíuselle á nova andaina. O novo portal que estamos a presentar fica aberto á participación de calquera. Os niveis de implicación, tal e como se nos conta dende o equipo promotor do proxecto, son dous: os editores e os catalogadores. Estes poden ser calquera cidadán que queira rexistrar na base de datos elementos de Patrimonio Cultural e contribuír a unha gran base de datos galega. Os editores son os responsables do mantemento e da boa xestión dos contidos do web.
A principal finalidade desta iniciativa sen ánimo de lucro é a de crear un espazo para que os profesionais e seareiros da Arqueoloxía, a Historia, a Etnoloxía, a Antropoloxía ou a Ordenación do Territorio, entre outras disciplinas, participen e interactúen, achegando e intercambiando información que moitas veces está xa dispoñible de xeito público, pero espallada en numerosas fontes de información e publicacións.
Como dixemos, a catalogación do Patrimonio Cultural é un dos principais cometidos do portal. A información que se achegue irá alén dun puro resume do catalogado. De feito, servirá para avaliar e amosar o estado de conservación dos bens aos que se lles dea acubillo, converténdose nunha ferramenta eficaz para todas aquelas persoas que teñan algún tipo de responsabilidade sobre a conservación das pegadas do noso pasado, incluídos investigadores, profesores e profesionais das administracións.
Como se dixo, a iniciativa está promovida e impulsada polo profesor universitario Manuel Gago. Ao seu carón, hai un amplo equipo de seareiras/os da arte e cultura galegas, comprometidas e comprometidos coa súa preservación e co seu estudo, entre as/os que podemos atopar a Milagros Bará, Álex Bragaña, Xosé Gago, Soledad Felloza, Francisco José Padín, Félix Pérez Aragunde, Carmela Sánchez Arines, Xurxo Salgado ou Adela Oyonarte Castro. É un proxecto que xorde dende a independencia con respecto a institucións e empresas e fica aberto, as 24 horas, á colaboración da sociedade civil en tódolos seus eidos.

PUBLICIDADE