Parkapp convértese en mando gratuíto de garaxe para as comunidades de veciños
xoves, 16 de abril do 2015
A aplicación galega
Parkapp, dirixida a facilitar
aos condutores a localización do aparcamento máis próximo coa
axuda do seu dispositivo, vén
de establecer un acordo coa plataforma Plusvecinos e de estrear unha
nova funcionalidade que engadir á súa xa completa listaxe de
servizos. Segundo fan saber os impulsores desta iniciativa, un
dos proxectos participantes na primeira edición da aceleradora
Galicia Open Future que Telefónica puxo en marcha en Santiago, a
devandita funcionalidade nova consiste en ofrecer (dende xa) ás
comunidades de veciños a súa tecnoloxía para que aquelas lle tiren
proveito de maneira gratuíta. Ou sexa, para que empreguen libremente
a aplicación galega para entrar nos seus garaxes, reemprazando os
mandos a distancia pola devandita ferramenta e poñendo en xogo un
factor a ter moi en conta: o factor aforro.
“Parkapp”, comentan
os seus desenvolvedores, “achégase de balde, contra os 35 euros
que adoita custar un mando a distancia convencional”. Ademais,
outra das vantaxes que ofrece a este nivel de uso é que subministra
á comunidade un extra de seguridade: “A diferenza do que acontece
cos devanditos trebellos de apertura de portas, a identificación do
usuario faise a través do seu número de móbil, e isto non se pode
copiar”. En definitiva, engaden, copiar un mando extraviado non é
posíbel con Parkapp, e mesmo se perdemos o dispositivo coa
aplicación, a través dunha web de xestión o administrador ou
presidente da comunidade pode dar de baixa o móbil para que non teña
acceso ao garaxe.
A posta en marcha desta
funcionalidade coincide co lanzamento da versión definitiva de
Parkapp, que xa fornece a través da súa web, e agora da súa nova
app, aparcamento en máis de 150 estacionamentos de toda
España, “cun aforro de até o 70 por cento”.
A iniciativa coa que
abrimos este artigo xurdiu a través dunha colaboración entre os
responsábeis da ferramenta galega e a plataforma Plusvecinos,
que é outra startup galega dirixida a achegar servizos en
liña para os residentes dunha mesma vivenda, bloque ou barrio, a día
de hoxe con máis de 15.000 usuarios e 3.000 comunidades de toda
España.
Lembrar que Parkapp,
amais de facernos máis doado o acceso a un garaxe e máis atopar a
praza de aparcadoiro máis próxima, achéganos información sobre
prezos e realizar reservas de espazos de aparcamento a través do
móbil, incluíndo descontos. Parkapp funciona, a maiores do
devandito, como unha aplicación de balde que permite xeolocalizar ao
usuario, ofrecer a ruta máis curta para chegar a un parking
e, a través dun código QR, acceder ao aparcamento sen utilizar
ticket. Este desenvolvemento tecnolóxico, que permite que o móbil
interactúe coas barreiras do aparcamentos, supón en palabras dos
seus creadores “unha revolución na tecnoloxía que emprega este
sector e convértese na gran vantaxe competitiva da empresa”.