Panoraudio quere debuxar un mapa sonoro e interactivo do mundo

venres, 27 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Panoraudio é unha plataforma social accesible dende o ordenador, a tableta, o smartphone e outros dispositivos conectados que convida a crear e compartir paisaxes sonoras de todo o mundo, para o que só hai que elixir unha vista, fotografala e darlle voz, enchéndoa de sons, música e palabra. Este proxecto de uso gratuíto conta tamén con aplicación para Android, obra dos mozos vigueses Fernando Julián Freire e Daniel Vázquez Cañedo, que queren aproveitar as posibilidades que ofrecen os dispositivos móbiles para potenciar esta comunidade social.
Aínda que xa dimos conta de Panoraudio hai bastantes meses, o servizo non se mantivo estático no tempo, e foi evolucionando en interface, usabilidade e prestacións, e está en vías de crecemento, tanto dende o punto de vista social, de contidos e de financiamento. Trátase dunha aposta pola xeorreferenciación e propón unha cartografía interactiva, ou sexa, que permite xeolocalizar espazos de interese, asociar sons e fotografías coa localización xeográfica exacta e compartilos co resto da comunidade, sendo posible agrupar os puntos xeolocalizados nos mapas de Panoraudio, o que facilita a navegación mailo acceso a cadanseu espazo destacado nunha área concreta.
Esta ferramenta pode axudar a construír un mapa sonoro e interactivo dos lugares escollidos polos usuarios en calquera parte do mundo, de xeito que podería recoller paisaxes, arte, gastronomía, lecer, deporte... son moitas as posibilidades da plataforma, dependendo a súa evolución do proveito que os usuarios queiran tirar do mesmo, resultando bastante clara a súa aplicación para o sector turístico, xa que pode empregarse de xeito doado como unha plataforma de guía sonora.
Unha característica a salientar de Panoraudio é que conta cunha interface específica para o seu uso durante a condución. Tamén podemos destacar que permítenos escoller idioma (galego, español, inglés e francés) e categorías de interese (fotografía, saúde, compras, restaurantes, actividades e aloxamento).

PUBLICIDADE