Padrón estrea un escaparate virtual na Rede

xoves, 9 de decembro do 2010 Raquel Noya

As empresas e comercios da vila coruñesa de Padrón, sabedores de que sen Internet a súa actividade comercial queda reducida unicamente aos domingos de feira nos que se achegan visitantes de toda a comarca e algún que outro foráneo desexoso de adquirir gangas, veñen de estrear un sitio propio na Rede, unha xanela ao mundo na que dar a coñecer os seus produtos e servizos alén das nosas fronteiras.
Trátase dunha web que funciona a modo de escaparate virtual, na que ademais de publicar novas sobre a súa actividade, as empresas poden ofrecer descontos, cheques regalo ou ofertas de produtos e servizos dunha maneira moi doada.
A páxina, na que as empresas se presentan clasificadas por categorías, permite unha procura rápida das mesmas, dando lugar (a golpe de rato) a cada microsite de seu, que presenta os datos do contacto, as características do negocio, unha descrición dos servizos que presta, os produtos que vende ou a súa localización no mapa virtual, así como unha galería fotográfica da empresa en cuestión.
Padronvirtual.com, como se fai chama reste peculiar espazo na Rede, permítelle aos seus visitantes, entre outras cousas, participar en sorteos e descargar cheques promocionais e/ou de desconto, ver as últimas ofertas e novidades de cada empresa, consultar ofertas de emprego, publicar as súas propias demandas ou incluso atopar información de interese acerca do propio Concello e das empresas dadas de alta.
O vindeiro 17 de decembro, segundo informan dende a web, “realizarase o primeiro sorteo, que consiste nunha cámara dixital e nun lote de produtos informáticos”.
As persoas que desexen participar deberán entrar na web e cubrir un formulario cos datos requiridos.

PUBLICIDADE