Ourense impulsa a súa nova marca a través de Ourensania.gal

venres, 22 de xullo do 2016 Redacción

A Deputación de Ourense presentou esta semana a nova marca para a provincia e máis a nova web que serve de acubillo e presentación dese distintivo. Falamos de www.ourensania.gal, onde se detalla todo o referente a este novo xeito de promover a provincia da man da institución que preside Manuel Baltar, que na presentación celebrada no Centro Cultura Marcos Valcárcel dixo que se trata “dun distintivo que pon en valor a identidade dun territorio e das súas xentes, e que convida ao futuro con positividade e optimismo, crendo nas potencialidades e singularidades que ten a nosa provincia”. No acto tamén participou o xornalista ourensán Marco Rocha e máis Silvia Fraga, directora de Stem Comunicación, deseñadora da campaña.
Baltar explicou que o termo Ourensanía vén da man do escritor Luis González Tosar (a quen lle adicou palabras de agradecemento), e lembrou tamén que “Ourense ten innumerábeis razóns para sentir orgullo, e agora temos unha imaxe que nos identifica, un símbolo que é a visualización da provincia na que cremos, unha provincia de futuro e en positivo”,
Pola súa banda, Marco Rocha salientou a importancia “de ser e sentirmos ourensáns aló onde esteamos, levando con orgullo a lembranza da terra á que pertencemos", e Silvia Fraga explicou que o desenvolvemento da imaxe da marca Ourense “tiña xa moito camiño andado pois a Ourensanía é algo que xa existe, e como creadores de marca o que fixemos foi darlle forma a ese sentimento”. A creativa comentou que as cores do logotipo (laranxa, azul, morado, verde e branco), aplicábeis tamén á presenza web da nova marca, “representan a terra, os ríos a auga e o termalismo de Ourense, unidos ao símbolo espiritual e de tradición desta provincia e tamén á natureza e a neve”.
Segundo se fai saber no espazo web no que se resume a nova imaxe de provincia, “a Ourensanía é unha forma de vivir e de facer dun pobo, o ourensán”.

PUBLICIDADE