Os xornalistas convocados polo CPEIG animan aos futuros comunicadores a formarse arreo en redes sociais

xoves, 18 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

Acto de apertura da xornada que organiza o CPEIG na Facultade de Ciencias da Comunicación

Esta mañá inaugurouse en Santiago, na Facultade da Ciencias da Comunicación, unha xornada de traballo dirixida a amosar en parte a infinita listaxe de pegadas que os servizos e comunidades 2.0 están a deixar na profesión de comunicador. O encontro Xornalismo, Datos e Redes Sociais vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O evento, no que participan arredor dun cento de persoas (profesionais da comunicación e das TIC e estudantes), foi inaugurado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e por Mar Pereira, responsábel da dita axencia autonómica, que salientaron o rol que xogan os xornalistas como usuarios e, tamén, como comunicadores de tecnoloxías. Ao seu xuízo, a divulgación TIC tamén recae nas súas mans.
Ao fío disto Pereira lanzoulles unha mensaxe concreta aos estudantes presentes na xornada: “Precisamos da vosa capacidade e profesionalidade para achegarlle a todo o mundo ás vantaxes que a tecnoloxía achega a vida cotiá, e tamén para axudarnos da difundir o que facemos desde Galicia”.
Logo do acto de inauguración, as xornadas enfiaron cara aos relatorios propiamente ditos, sendo a reportuiteira Laura Camino a encargada de abrir camiño. Para comezar, interesouse polo número de xornalistas que había na sala e cales, delas e deles, tiraban partido a día de hoxe das redes sociais. A resposta foi practicamente afirmativa ao cen por cen. Segundo fixo saber a relatora, isto corrobora un dato a ter en conta: o 80% dos xornalistas de hoxe, consideran que as redes sociais son fontes de importantes vantaxes para o seu traballo. Falou igualmente das orixes e do desenvolvemento dunha iniciativa de seu, Reportuiteo, xornalismo en 140 caracteres, que é un xeito de adaptar a comunicación diaria ao formato de brevidade e simplicidade de Twitter, e tamén a un tipo de consumidor de información xornalística cada vez máis envorcado nas redes sociais, polo que do que se trata, tamén, é de ir tras os lectores que progresivamente foron abandonando estes anos as canles tradicionais (xornais, revistas en papel). Segundo engadiu, Reportuiteo non é unha iniciativa nova, xa que existen múltiplas propostas previas no Twitter e que, á súa vez, teñen a súa raíz na máxima do menos é máis (unha máxima fundamental na formación comunicativa), pero Reportuiteo ten a particularidade de ser quen de demostrar, moi visíbelmente, a capacidade de redes sociais como Twitter para abrir importantes camiños laborais para os profesionais, emprendedores e estudantes. Neste senso, recomendoulles aos presentes que non só se formasen en como escribir e como titular, senón tamén en como tirar partido dos beneficios e posibilidades das ferramentas e comunidades 2.0.

David Cabo falou do potencial das redes sociais para incrementar a marxe democrática

Outro dos relatores foi o enxeñeiro informático David Cabo, responsábel entre outras cousas de Dondevanmisimpuestos.es. Cabo, formado profesionalmente en datos abertos e acceso á información, ten unha ampla experiencia nas amplas posibilidades das novas tecnoloxías recentes para a mellora dos procesos democráticos mundiais. Estas posibilidades, dixo, baséanse sobre todo en usos específicos e en labores profesionais concretos. “Non se trata de que as tecnoloxías vaian solucionar problemas administrativos ou democráticos, senón máis ben de reducir barreiras, ceibar atrancos e favorecer entre todos a consolidación de colectivos profesionais que velen por este camiño en positivo”. Segundo fixo saber, entre estas comunidades de profesionais atópanse sen dúbida os comunicadores e investigadores da información. Ao seu xuízo, os datos por si sós non din nada, precísanse xornalistas. E tamén informáticos, deseñadores e estatísticos. De feito, dixo, o xornalismo debe ser hoxe en día multidisciplinar, e non estar artellado en compartimentos estancos sen relación entre si. Non pode ser, engadiu, “que se manteña o modelo de traballo das grandes redaccións dos medios estatais, un panorama no que a única excepción semella ser a de El Confidencial, modelos tradicionais nos que se separa en diferentes estancias aos xornalistas dos informáticos”.
O relator falou tamén de casos concretos desta colaboración no camiño dun noxo xornalismo e de novos xeitos de garantir a información aberta, a transparencia e a democracia, como por exemplo O Indultómetro, un servizo posto en marcha polo seu equipo onde se dá conta dunha realidade xenérica insospeitada (en España indúltase unha media de 600 persoas condenadas ao ano, por diversos delitos) e de diferentes realidades específicas que tamén se descoñecen (a quen se indulta, porqué delitos, con que razón, porqué motivos isto non se reflicte nos medios xerais, porqué a sociedade apenas sabe nada destas cuestións).
As sesións de tarde
Despois de David Cabo, o vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, abordou na xornada o tratamento nos medios de comunicación do denominado “erro informático”. Logo, a produtora e investigadora de contidos dixitais, María Yáñez, introduciu unha perspectiva de xénero co relatorio Muller e comunicación dixital. O director da edición dixital de La Voz de Galicia, Tomás García, pechou as intervencións da mañá co tema Novas perspectivas do xornalismo electrónico. Xa pola tarde, a xornada centrarase na mesa redonda Tecnoloxía para a divulgación. Nela participarán o doutor en Ciencias da Información pola USC e doutor en Ciberxornalismo, Manuel Gago, quen abordará o seu proxecto Torre de Mouros; o CEO de Teltek Vídeo Research e coordinador técnico de UVigo-TV, Vicente Goyanes, quen falará da súa experiencia en Vigo iTunes U; e o doutor en Comunicación pola UCM e profesor na USC, Xaime Fandiño, quen exporá o seu proxecto Latencia 0?.

PUBLICIDADE