Os xogos para Android con pagamentos dentro da aplicación xa non serán considerados de balde

luns, 21 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Conscientes das numerosas denuncias presentadas nos distintos países da Unión Europea por mor das compras dentro de xogos en liña, especialmente realizadas de xeito involuntario por parte de cativos, as autoridades estatais xuntaron foras coa Comisión Europea para buscar solucións, e coordinarse na defensa dos consumidores, acadando compromisos por parte da industria.
A vicepresidente Neelie Kroes, responsable da Axenda Dixital, asegura que “a Comisión é moi partidaria da innovación no sector das aplicacións. As compras dende aplicacións son un modelo de negocio lexítimo, pero é esencial que os fabricantes de aplicacións comprendan e respecten a lexislación da Unión Europea cando desenvolven estes novos modelos de negocio”.
Deste xeito, comunicouse a Apple, Google e á Federación Europea do Software Interactivo o pasado mes de decembro que os xogos presentados como de balde non inducisen a erro aos consumidores sobre o verdadeiro custo que teñen, que non exhortasen aos nenos a mercar artigos nun xogo ou a convencer aos adultos a que lles mercasen os artigos, que os consumidores estivesen correctamente informados das modalidades de pagamento e non se cobrase de xeito automático sen o seu consentimento expreso e que os comerciantes contasen cun enderezo de correo electrónico para que os consumidores puidesen contactar con eles en caso de dúbidas ou queixas.
Estas esixencias parecen estar a dar os seus froitos, e Google decidiu emprender unha serie de cambios na súa plataforma de aplicacións para Android, que comezan agora a aplicarse e completarán o seu desenvolvemento en setembro. Con estas melloras no control do pagamento teremos detalles como que os xogos que conteñan pagamentos na súa aplicación non serán identificados como de balde, establecen cada pagamento precise de autorización expresa (agás que o consumidor desactive tal función activamente) e incluso engádese ás recomendacións para o desenvolvemento de aplicacións que non se inste aos cativos á compra de contidos in-app.
Polo momento Apple non adoptou ningunha medida en respostas ás esixencias comunitarias, nin conta cun calendario establecido nin compromiso ao respecto.

PUBLICIDADE