Os xogos de PlayStation 3 funcionarán en PC a través do servizo PlayStation Now

martes, 23 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Mentres Microsoft optou por levar os xogos de Xbox 360 á Xbox One a través dunha actualización da nova consola que incluía a impresionante retrocompatibilidade (de xeito que progresivamente van incorporándose vellos xogos á nova consola) dende Sony optaron por unha solución moi diferente para levar os xogos de PlayStation 3 á PlayStation 4: o servizo de xogo na nube PlayStation Now, que achega máis de 400 xogos (dos que máis dun cento son exclusivos de PlayStation) mediante streaming.
Esta plataforma de xogo en liña ofrécese mediante o pagamento de 19,99 dólares/mes ou 44,99 dólares/trimestre (aínda que chegaron a comercializarse subscricións anuais a 99,99 dólares) e non falta que a define como o Netflix dos videoxogos, aínda que neste caso non inclúe grandes novidades, xa que todos os xogos dispoñibles son para consolas da anterior xeración.
Esta plataforma está xa en probas en Reino Unido, Xapón e varios países europeos, descoñecéndose a data na que chegará finalmente ao noso territorio, e aínda que o equipo principal dende o que pode acceder a PlayStation Now é a consola PlayStation 4, tamén funciona en PS3, PS Vita, PlayStation TV e algúns televisores Sony BRAVIA e Samsung, sorprendendo agora Sony anunciando que vai dar o salto aos ordenadores persoais, de xeito que poderemos xogar legalmente a títulos de PlayStation 3 baixo Windows.
Para facilitar o proceso, no mes de setembro porase á venda un adaptador USB para permitir o uso do mando DualShock 4 sen fíos en PC e Mac (falamos dun adaptador opcional, xa que o mando pode conectarse por cable ao ordenador), que non só servirá para gozar de PlayStation Now, senón que tamén poderá aproveitarse para o servizo de xogo remoto da PlayStation 4 (ou sexa, para poder empregar a PS4 a distancia dende un ordenador persoal).
Para poder gozar de PlayStation Now no PC recomendan ter Windows 7 SP1 ou superior, un procesador Intel Core i3 a 3,5 GHz ou superior, un mínimo de 2 GB de RAM e unha conexión á Internet que vaia como mínimo a 5 Mbps, recomendándose que o equipo estea conectado por cable.
Polo momento non detallan a data deste lanzamento (que moi posiblemente sexa o mes que vén) pero adiantan que a aplicación de PlayStation Now para PC non iniciará a súa andaina nos EE.UU., senón en partes de Europa, polo que dá a impresión de que queren experimentar inicialmente con países nos que o servizo aínda está en probas e contan cunha base de usuarios moi reducida, para inmediatamente despois abrir o servizo para PC aos EE.UU. e Canadá.

PUBLICIDADE