Os usuarios de Xbox One xa poden adquirir Dance Central Spotlight

martes, 2 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Dende hoxe os usuarios de Xbox One con sensor Kinect poder por fin descargar o agardado Dance Central Spotlight, o xogo de baile de Harmonix que nesta nova etapa deixa o soporte físico para distribuírse dixitalmente a un prezo moi atractivo (9,99 euros) de xeito que podemos facernos un xogo a medida dos nosos gustos mercando os lotes de temas musicais descargables que consideremos oportunos, en vez de conformarnos coa selección que habitualmente incluían os xogos musicais, deixando claro os pasos que este xénero vai seguir no futuro.
O xogo permite personalizar sesións de baile dun xeito moito máis potente que en anteriores entregas da saga, e permite incluso gozar do mesmo como se fose un adestrador físico no modo Fitness, que inclúe series de fitness creadas especialmente. Tamén permite a práctica de movementos complicados sen ter que cambiar de canción (dando a orde “vamos a practicar” mediante a voz).
Loxicamente o xogo conserva a súa esencia: seguir coreografías de distintos temas musicais, sen ter que empregar mandos, de xeito que Kinect rexistra os nosos movementos e puntúanos en función da nosa precisión á hora de mover o corpo ao ritmo de temas como Scream & Shout de Will.I.Am, Get Up (I Feel Like Being a) Sex Machine de James Brown, I Love It de Icona Pop, Here Comes The Hotstepper de Ini Kamoze, Girls & Boys de Blur e moitas outras que poden mercarse individualmente por 1,99 euros, ou algún dos lotes de cancións de Lady Gaga, Selena Gomez, Maroon 5, Calvin Harris e outros, que están á venda por 3,49 ou 8,49 euros en funcións de que inclúan 2 ou 5 temas musicais.


Trailer de Dance Central Spotlight

PUBLICIDADE