Os usuarios de R quedan sen conexión á Internet durante toda a tarde do venres

venres, 17 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Os usuarios da operadora de cable galega R non se poden conectar á Internet dende aproximadamente as 16:30 horas de hoxe por mor dunha avaría «por causas alleas a R, e debido a un incendio en Villalba (Madrid)» segundo publica a compañía na súa web ao que engade que se irá establecendo a conexión progresivamente, agardando solucionar o problema antes da medianoite.
En La Voz de Galicia dan máis detalles sobre o asunto, e explican que o incendio se produciu nun cable de fibra óptica da rede de Renfe do que se «descoñecen as causas» e que «afecta tamén a outros operadores».
No momento de escribir estas liñas o problema estaba sen arranxar, e durante boa parte da tarde o teléfono de atención ao cliente da compañía se atopaba saturado (non respondendo ás chamadas dos usuarios, aínda que ao longo da xornada se colocou unha gravación de voz para avisar da incidencia aos clientes).
ACTUALIZACIÓN: Ao redor das 23:00 horas parece que o servizo de acceso á Internet a través da rede de R está restablecido.

PUBLICIDADE