Os terminais Nexus, Moto, Xperia Z e HTC One actualizaranse a Lollipop

luns, 20 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Os usuarios están impacientes por probar Android 5.0 Lollipop nos seus dispositivos móbiles, non só porque sexa o primeiro Android oficialmente en galego, senón por achegar interesantes melloras a nivel de rendemento, autonomía e seguridade, así como novas funcionalidades, e os fabricantes comezan a anunciar actualizacións para os seus produtos de referencia actuais, de xeito que en poucas semanas non serán só o Nexus 6 e o Nexus 9 os produtos que poidan presumir de Android 5.0.
Por exemplo, os produtos Nexus serán dos primeiros en actualizarse, comezando polos Nexus 5 e Nexus 7 (con banda larga móbil), que poderían comezar a recibir a actualización este mesmo mes, mentres que a partires do 3 de novembro sería a quenda do Nexus 10 e o Nexus 7 (Wi-Fi), agardándose que toda a familia Nexus complete o seu salto a Android 5.0 antes de rematar o mes de novembro.
Aínda que agora Motorola xa non é unha compañía de Google, a marca de Lenovo anunciou que están a ultimar a actualización a Lollipop para os seus Moto X, Moto G, Moto E, Droid Ultra, Droid Maxx e Droid Mini, de xeito que non deixarían desfasado a ningún dos seus terminais máis populares na actualidade, aínda que polo momento non detallan o calendario de actualizacións.
Sony tamén traballa na mesma liña, e anticipa que vai lanzar Android 5.0 para toda a súa familia Xperia Z, chegando por fases aos distintos dispositivos, comezando a primeiros de 2015 coas games Xperia Z3 e Xperia Z2, para chegar logo ao resto de trebellos, de xeito que incluso o primeiro Xperia Z recibirá actualización a Lollipop.
E dende HTC tamén confirman que as dúas xeracións do HTC One recibirán Lollipop nuns 90 días, dando a impresión de que este fabricante non vai molestarse en actualizar dispositivos menos importantes na súa estratexia comercial.
Aparte dos mencionados smartphones tamén optarán á actualización o OnePlus One e todos os terminais con Android One (comercializados polo momento só na India).

PUBLICIDADE