Os servizos de atención de telefonía móbil, materia pendente das operadoras
xoves 2 de setembro do 2010, por |
Poder queixarse e obter unha resposta axeitada por iso semella ser un dereito fundamental a tódolos niveis agás no eido das redes e da telefonía móbil. Sobre este último punto, a Organización de Consumidores e Usuarios é especialmente clara no seu máis recente informe sobre a cuestión xeral da queixa: unha boa parte das reclamacións que se contabilizaron ao longo dos últimos meses en España ten como orixe a ausencia duns servizos de atención ao cliente en boas condicións. Dito doutra maneira: a ausencia de alguén que escoite de verdade. Así, informa a OCU, a maioría das queixas xeradas ao abeiro do sector (que son o 12% das case 40.000 rexistradas en 2009), están en relación co devandito, máis polo miúdo o 62%. O informe en cuestión, que foi feito sobre a base de 11 operadoras, confirman que a comunicación cos usuarios ten moito que mellorar.
Entre os elementos específicos que máis malestar provocan na cidadanía atópase o dos tempos empregados de atención. Deste xeito, a OCU puído comprobar que unicamente Happy Móvil, Yoigo e Másmovil atenden aos clientes mediante unha persoa e dende o comezo até o remate da chamada. O resto das empresas usan máquinas (contestadores) que guían ao usuario por unha enleada de departamentos, co que se acada unha prórroga na chamada e, sobre todo, unha diminución importante da paciencia de quen a fai.
Sobre as tarifas dos números 902 e as chamadas ao estranxeiro, a OCU engade que Happy Móvil e Orange non achegan información precisa sobre estes puntos, ao igual que Movistar, que “deu información obsoleta sobre as tarifas 902, máis baratas cás actuais”.
Entre outras cousas, o estudo tamén serviu para elaborar un ranking das operadoras que mellores valoracións reciben dos cidadáns a raíz dos seus servizos de atención, ranking no que por certo atopamos á galega R situada nos postos máis altos, xunto con Yoigo e Pepephone.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















