PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Os responsables de A Voz de Vilalba queren contribuír a normalizar as redes na comarca

mércores 5 de marzo do 2008, por Fernando Sarasqueta | | Compartir en Tuenti | Compartir |

Os traballos de posta en valor non se limitan ás aldeas e vilas, ás linguas ou ós oficios. A Rede dá moito xogo, e mesmo xa hai quen está a recuperar vellas iniciativas de comunicación afacéndoas ós novos tempos, dándolles un toque de participación activa pero respectando o espírito orixinal. No caso do que imos falar, o da posta en valor de A Voz de Vilalba a través da Rede, o espírito orixinal era o de contribuír a ter mellor informados ós preto de 17.000 habitantes que tiña o concello chairego a comezos dos anos oitenta. Agora, grazas a Internet, haberá máis ollos para ler e máis voces que escoitar, achegando recursos como foros sobre vida política, educativa e social ou novas con posibilidade de seren comentadas polos internautas.
Asemade, o que se pretende é contribuír á normalización das novas tecnoloxías nesta comarca, ofrecendo un tipo de información que sirva de porta de entrada: a información local.
Do proxecto xa falamos a semana pasada nesta mesma web, pero agora retomámolo para que sexa un dos responsables directos desta tarefa de refundación o que nos fale polo miúdo dos porqués destas dúas vidas (unha papel, nos anos oitenta, e outra agora na Internet) de A Voz de Vilalba.
Falamos polo tanto con Moncho Paz (no centro da imaxe), membro do equipo que puxo en marcha a edición orixinal, integrado tamén por Paulo Naseiro e Mario Paz. Ó seu xuízo, non só se recupera así un proxecto xornalístico, senón tamén unha experiencia que marcou tres vidas.
-Como xurdiu isto de recuperar o voso xornal botando man agora das novas tecnoloxías? Sodes amigos dende aquela e mantedes o contacto? Estades os tres vinculados aínda á comunicación?
-O ano pasado publicouse a edición facsimilar de toda a colección de A Voz de Vilalba (1983-1986), nunha iniciativa conxunta da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid (URJC) e do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) de Vilalba. Pero dende xa hai algún tempo levabamos dándolle voltas á necesidade de facer algo coincidindo co 25 aniversario da publicación, e decidimos que unha web podería ser boa idea, entre outras cousas, polo simbolismo que representa o feito de que A Voz de Vilalba –en 1983– imprimíase nunha vella multicopista, daquelas coñecidas como vietnamitas, que se empregaban na clandestinidade durante o franquismo; o contrapunto no tempo está no emprego actual das novas tecnoloxías e as posibilidades que ofrece Internet, se tivésemos estes medios daquela faríamos marabillas. O outro motivo que nos impulsou a sacar este proxecto agora é o centenario de El Eco de Villalba, xornal fundado en 1908 por Manuel Mato Vizoso e José Novo Pardo, do que precisamente o IESCHA está a preparar unha edición facsimilar. Vilalba sempre tivo unha grande tradición xornalística, a proba é que ao longo do primeiro terzo do século XX -entre 1908 e 1932- xurdiron 18 cabeceiras.
Sempre dicimos que a experiencia de A Voz de Vilalba marcou definitivamente as nosas vidas. Creou entre nós unha complicidade que se mantivo co tempo; en troques de falar, moitas veces cunha simple ollada de esguello xa sabemos o que pensa o outro. Seguimos a ser moi bos amigos e participamos uns nos proxectos dos outros.
-Considerades que as vilas galegas en xeral están faltas de información local? E de que tipo?
-As novas que máis interesan son as que afectan á nosa vida cotiá (proximidade da información). Nos últimos anos déronse moitos pasos que favorecen a información local, fundamentalmente nos medios audiovisuais (radio e TV); tamén a través de proxectos como o de Vilas Dixitais e das páxinas web dos concellos, aínda que estas últimas están máis orientadas ao turismo e a destacar a singularidade das comarcas dende unha visión basicamente costumista. En xeral, coido que se bota en falla prensa local de calidade e tamén prensa local en Internet. Unha prensa moderna, crítica (construtiva) e que axude a mellorar a información que reciben os cidadáns. Neste senso, consideramos que a nosa iniciativa é innovadora e pretendemos que sexa o comezo dun novo proxecto, do que agardamos recibir colaboración, tanto da Administración Pública como de particulares.
-Podería un xornal en liña sobre unha localidade en concreto espertar o interese dos veciños polas novas tecnoloxías? É este un dos vosos obxectivos, normalizar o emprego das novas canles?
-Proxectos como Cidades Dixitais son os que contribúen de verdade a achegar as novas tecnoloxías aos cidadáns; en concreto Vilalba e As Pontes integráronse no mesmo a través do programa Vilas Dixitais. Somos conscientes que o uso de Internet na zona incrementouse considerablemente nos últimos tres anos; por iso decidimos que estabamos no momento adecuado, ademais de coincidir co 25 aniversario da saída de A Voz de Vilalba en formato papel e os 100 anos da fundación de El Eco de Villalba. Poren, podemos dicir que unha das nosas intencións é aportar o noso grao de area para favorecer a normalización das novas canles na Terra Chá; pero tamén queremos exportar o produto como unha iniciativa innovadora, que sirva de exemplo a seguir en outras localidades galegas.
-Creo que a vosa idea non é precisamente facer o mesmo na Rede que faciades en papel. Sabemos que non é así pero queremos que nolo contedes vós. Cal era a vosa idea coa Internet entre mans?
-A versión dixital de A Voz de Vilalba pretende ser unha plataforma para dar a coñecer a actualidade local na rede, un foro de opinión e unha xanela aberta a todos os que queiran colaborar connosco na recuperación da nosa cultura e da nosa memoria histórica.
A Voz sempre foi un medio pensado para todos os públicos. Xa o dicíamos na nosa cabeceira en papel, "xornal ao servizo do pobo". Empregando os termos de MacLuhan, pretendemos crear unha especie de "aldea global".
-Que nos vai deparar A Voz de Vilalba no futuro? Cara a onde queredes chegar?
-Queremos ser un medio local de referencia en Internet, un exemplo a seguir en outras localidades galegas. Apostamos pola liberdade de información e opinión, que non é doado nun tempo no que a prensa está moi mediatizada por intereses económicos e políticos. E para iso solicitamos a colaboración de todos.
-Fálanos brevemente dese número en papel especial que tendes preparado lanzar este ano. Sería un complemento á web, botando man dos contidos dela, ou sería independente?
-Será totalmente independente da web, un número especial conmemorativo. Sairá á rúa o domingo 29 de xuño de 2008, a data exacta do 25 aniversario de A Voz de Vilalba e nel terán cabida opinións de coñecidos vilalbeses, informacións sobre temas de actualidade, polémicas, reportaxes e algunha que outra sorpresa.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS