Os responsábeis de Stukers e a Universidade de Vigo presenta unha nova edición dos Premios Incuvi Emprende

xoves, 18 de decembro do 2014 Redacción

Dolores González, vicerreitora de Estudantes, co tres dos integrantes de Stukers, un dos últimos proxectos seleccionados que está a piques de constituirse como empresa

Como lembraremos, a web Stukers é un servizo práctico e útil posto en marcha por un equipo de desenvolvedores-emprendedores da nosa terra para facilitarnos até onde sexa posíbel a procura dunha vivenda compartida. De Stukers, un recurso de especial interese para estudantes ou xente nova que queira independizarse (que pon preto do usuario as persoas da comunidade en liña máis potencialmente idóneas coas que compartir piso), falamos recentemente dando conta do tipo de proxectos que se están a impulsar dende o centro de emprendemento Galicia Open Future de Telefónica. Agora toca volver sobre este servizo innovador, xa vén de exercer de carta de presentación da nova edición dos Premios Incuvi Emprende (convocatoria 2015), un certame ao que se presentou este ano (edición 2014) e que lle axudou a ir converténdose en empresa.
Segundo fan saber os responsábeis da web de Stukers, que conta xa con 5.000 usuarios e 1.200 pisos distribuídos por algunhas das principais cidades do Estado, os motivos de térense presentado aos Premios Incuvi están estreitamente relacionados con coller aínda máis impulso para a iniciativa de seu. “Estes recoñecementos”, sinalan, “foron para nós un excelente trampolín, tiñamos a idea, pero era simplemente iso, unha idea; agora o noso obxectivo é constituírnos en empresa no primeiro semestre de 2015”.
Os Premios Incuvi Emprende, por certo, presentaron esta semana a súa nova edición, unha convocatoria na que, por primeira vez, se fai un chamamento conxunto ao alumnado dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.
Lembrar que entre os proxectos que xa pasaron por estes galardóns, amais de Stukers, atópase Mueve tu vida, unha iniciativa adicada á saúde, o benestar e o deporte adaptado, que, tras gañar os Incuvi Emprende este mesmo ano ven de recibir tamén o galardón para novos emprendedores de Asociación de Jóvenes Empresarios, AJE Pontevedra e foi seleccionado para participar no programa de emprendedores Think Big da Fundación Telefónica.
Outro dos exemplos de éxito é Monet, un dos proxectos gañadores na edición de 2013, centrado no desenvolvemento de I+D+i en viñedos, con clientes xa nas cinco denominacións de orixe galegas, que hai apenas un mes recibiu o Premio Novo Emprendedor que concede a asociación AJE Vigo e o accésit á creación de emprego e á innovación nos premios de AJE Pontevedra.
Segundo fai saber a Universidade de Vigo, Incuvi Emprende ofrece formación, un espazo e a posibilidade de facer contactos e acceder a profesionais aos que, doutro xeito, “non se tería acceso”. Dende que se puxo en marcha esta iniciativa, en 2011, deuse acubillo a máis de vinte proxectos nos tres campus. Desta volta, aos seis espazos dispoñíbeis na Cidade Universitaria de Vigo (CUVI) e aos dous na sede de AJE en Pontevedra, súmanse outros catro na Tecnópole de Ourense e, tamén por primeira vez, as persoas participantes poderán indicar nun formulario a orde de preferencia do campus no que lle gustaría instalarse.
Os interesados en concorrer a esta convocatoria deben presentar as súas solicitudes antes do vindeiro 19 de xaneiro, sempre e cando sexan estudantes da Universidade de Vigo ou ben titulados a partir do curso 2011-2012. As propostas poden ser individuais ou de grupos compostos por un máximo de catro persoas, actuando un deles como coordinador/a. Os futuros empresarios e empresarias potenciais deberán presentar a solicitude en calquera dos rexistros da Universidade, explicando nun documento a idea emprendedora, tarefa a que deben dedicar un máximo de 10 páxinas.
Posteriormente, e tras realizar cadansúa entrevista persoal, elixirase aos finalistas, que deberán ser avaliados por unha comisión na que participarán persoas relacionadas co eido universitario e co empresarial. Entre estes finalistas deberán elixir aos gañadores, valorando especialmente o carácter innovador do proxecto, a empregabilidade, a potencia internacional, o aproveitamento dos recursos dispoñíbeis, o nivel de implicación do ou dos promotores ou a responsabilidade social do proxecto.

PUBLICIDADE