Os recursos de impulso dixital de Google, a disposición dun centenar de PEME en Santiago

venres, 1 de xullo do 2016 Redacción

Máis de cen PEME galegas xuntáronse este xoves 30 na sede da Cámara de Comercio de Santiago para participaren no obradoiro presencial de Activa o teu Negocio, o proxecto impulsado por Google co obxectivo de optimizar a presenza e actividade en liña das PEME a través de formación en competencias dixitais e no que concorren como socios a Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio, BBVA e CEPYME. No obradoiro presencial, de cinco horas de duración, os nosos profesionais e empresarios aprenderon os pasos que deben seguir para definir a estratexia dixital da súa empresa.
Esta formación, informa a Cámara, compleméntase con 23 módulos dixitais con contidos creados por especialistas sobre presenza en liña, comercio electrónico, redes sociais ou buscadores, froito da colaboración de máis de 100 expertos en tecnoloxía e competencias dixitais de Europa e avalada por IAB Europe e IAB Spain.
O secretario xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros, indicou que “a día de hoxe, nun mundo globalizado, é fundamental para as pequenas e medianas empresas adquirir os coñecementos básicos precisos para dixitalizaren o seu negocio e iniciar o camiño cara ao éxito en liña”. E engadiu: “As PEME do sector comercial deben especializarse na venda online para poder competir coas grandes multinacionais que desde hai anos están a competir na Rede”. Ademais, manifestou que a presenza en redes sociais é imprescindíbel para dar a coñecer a empresa e chegar a un público máis amplo.
Pola súa banda, Cristina Hernández, coordinadora do proxecto Activa o teu Negocio de Google, comentou que tralos bos resultados acadados co programa Actívate, “grazas ao que formamos até agora a máis de 118.000 mozos en competencias dixitais e emprendemento”, púxose en marcha Activa o teu Negocio para contribuír a unha mellor carreira comercial das nosas firmas a través dunhas meirandes presenza e participación nas novas canles. “A través desta plataforma ofrecemos formación gratuíta de balde e dixital e ensinamos as ferramentas que axudarán aos negocios no seu camiño cara ao éxito”, comentou.

PUBLICIDADE