Os profesionais terán que presentar as súas declaracións tributarias telematicamente

luns, 16 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O Ministerio de Facenda vai someter nos vindeiros días a información pública unha orde pola que dende 2014 comezará a eliminar as declaracións a man, que só poderán seguir a utilizar as persoas físicas que teñen a obriga de presentar a declaracións da Renda.
O director da Axencia Tributaria (AEAT), Rufino de la Rosa, detallou nun encontro informativo que a meirande parte de autoliquidacións e declaracións informativas de natureza tributaria xa se presentan vía telemática, quedando un colectivo de preto de 230.000 autónomos e profesionais que aínda empregan o formato impreso, conectivo que en xaneiro xa terá que presentar o resumo anual de IVE e retencións.
Para facilitar esta transición, a Axencia Tributaria contará cun sistema que facilitará a realización dos trámites identificando aos cidadáns mediante o seu número de NIF e a data de caducidade do DNI, tras o que recibirán unha clave de acceso a través do móbil, o que pretende evitar as dificultades do manexo da sinatura electrónica ou o DNIe.
En decembro realizarase unha campaña informativa dirixida aos afectados por este cambio, que en 2014 aplicarase a todas autoliquidacións do IVE e que en 2015 incluirán tamén aos pagamentos fraccionados.

PUBLICIDADE