Os orzamentos de participación veciñal de Santiago xa teñen páxina de seu

xoves, 21 de xullo do 2016 Redacción

O Concello de Santiago vén de estrear nova web. Trátase, máis en detalle, da páxina específica dos seus Orzamentos Participativos, unha iniciativa do Goberno local para acadar, como o seu propio nome indica, a máxima concorrencia da cidadanía na acción pública do concello e pola vía das novas tecnoloxías da información. Este mesmo mércores iniciou a súa andaina a devandita web no dominio decide.santiagodecompostela.gal, baixo o lema de Compostela Decide.
A plataforma foi dada a coñecer pola concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, xunto a persoal do equipo técnico. Segundo fixeron saber, recollerá tanto as propostas que se fagan e debatan nos encontros e asembleas das asociacións e nos locais socioculturais como as que se rexistren no apartado de propostas. A data límite para propoñer é o 14 de setembro.
Tamén explicaron que a plataforma Compostela Decide contempla un rexistro en liña para propoñer investimentos e, máis adiante, “dar prioridade ás iniciativas que a cidadanía considere máis oportunas”. Ademais, lembraron que decide.santiagodecompostela.gal é “unha ferramenta sinxela e intuitiva que detalla polo miúdo o que son os Orzamentos Participativos (OP) e como se reparten 1.100.000 euros que o Goberno local pon a disposición da veciñanza para 2017 do total do orzamento municipal”.
Abrangue, entre outras cousas, o regulamento que articula o funcionamento dos OP proposto polo actual Goberno local e o equipo técnico coas achegas e emendas do grupo motor para os puntos básicos de arranque. “Ademais das regras de xogo”, engadiuse na presentación, “este espazo de seguimento integral dos Orzamentos Participativos irá informando puntualmente das datas das asembleas e encontros nos locais das asociacións ou nos centros socioculturais da cidade, e de todas as novidades relativas ao proceso”.
Ademais, decide.santiagodecompostela.gal permitirá acceder ás propostas que a persoa usuaria seleccione, polo que poderá facer un seguimento das mesmas. Por outra banda, cando unha persoa emita a súa escolla xerarase un código QR.
Ao fío da seguridade, o Concello lembra que “ninguén, a excepción da persoa usuaria, pode exercer o voto, que está cifrado”. O Goberno local tamén recorda que a plataforma é quen de rexistrar todas as operacións realizadas, por tanto é susceptíbel de control interno e/ou externo en calquera intre. Ademais, o número de apoios recadados por cada proposta é visíbel en tempo real.

PUBLICIDADE