Os nosos emprendedores locen innovacion no Demo Day da cuarta edición de VíaGalicia

venres, 20 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

Hoxe déronse cita en Lugo, nas dependencias da Fundación CEL, os responsábeis dos proxectos emprendedores aspirantes a participar no eixe norte da aceleradora VíaGalicia, con “sede” na cidade da Muralla. No Demo Day, un novo paso na cuarta edición do programa de aceleración impulsado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta, concorreron un centenar de persoas, entre emprendedoras/es e membros do comité encargado de avaliar proxectos. Como lembraremos, VíaGalicia ten dúas sedes, unha en Vigo e outra (por segundo ano consecutivo) en Lugo (xestionada pola dita fundación). A sesión de hoxe foi unha actividade previa á selección dos finalistas que pasarán á fase final. Case a totalidade dos proxectos aspirantes, por certo, son proxectos TIC. A cita terá continuidade este sábado en Vigo, o eixe sur de VíaGalicia.
O obxectivo deste duplo Demo Day é que cada unha das propostas que participaron e remataron con éxito a fase de academia deste programa se presenten por vez primeira e de xeito público, en formato breve perante o comité técnico do programa (conformado por representantes de CZFV, GAIN, Xesgalicia e Vigo Activo) e as entidades colaboradoras do mesmo, así como ante observadores invitados pertencentes ao ecosistema de emprendemento galego. A información xerada nos Demo Days servirá ao dito comité para pór a derradeira puntuación ás iniciativas e facer unha escolma entre as preto de medio cento que participaron na fase academia, sendo finalmente 15 (en total) as que subirán ao derradeiro chanzo do programa, o de aceleración. Neste treito final do camiño recibirán unha proposta formal de financiamento por parte da Xunta e o CZFV, en forma de préstamos participativos e subvención a fondo perdido, e máis formación e titorías para a aceleración e desenvolvemento dos seus proxectos, e posta no mercado dos mesmos.
Este ano, como novidade, seleccionaranse até un máximo de catro proxectos adicionais (en consecuencia, serán 19 en total os proxectos que participarán na fase final) para a aceleradora aeroespacial/aeronáutica que se está pondo en marcha tamén en Vigo (de Lugo para esta aceleración sectorial específica, candidata un proxecto, 3edata Enxeñaría Ambiental).
Proxectos de Lugo
Ademais de 3edata (de enxeñaría e toma e análise de datos ambientais utilizando drons), entre os proxectos que superaron a fase de academia con éxito atópanse Alazia Couture (moda feminina ecolóxica e sustentábel), Betopfit (plataforma web, aplicación e rede social para deportistas amantes do fitness), Cogomelo Games (lecer dixital para dispositivos móbiles), Filament2Print (comercio electrónico de materiais de impresión 3D), FittingPUP (plataforma web de control de saúde de mascotas), IntelligentChef (plataforma que emprega robótica e dixitalización avanzada para automatizar e optimizar as cociñas profesionais), LoCoPLC (automatización industrial para industria 4.0, industria conectada), LoopTronic (optimización de consumos enerxéticos e mantemento na industria 4.0), PetiteCandela (mercado en liña da decoración: con ferramentas para elaboración de proxectos, app, blog, e tenda online de decoración), Prefapp (plataforma de servizos dixitais en provedores da nube), Recovery Blood (fabricación de máquina para transformar en fariña o sangue que xeran como residuo as industrias cárnicas), SCIPEX-ENSAMBLE (fabricación industrial 4.0 de edificios mediante pezas conectábeis e substituíbeis), Tolemias (o “Netflix da música”, con servizos de produción e distribución de contidos musicais por internet), Wapping Rede Intelixente de Servizos (plataforma de servizos web de mantemento de clientes e mercadotecnia comercial para pequenos negocios), e Youin (ferramenta en liña de xestión de eventos e venda de entradas).
Os proxectos seleccionados de Lugo e Vigo que pasen a aceleración terán acceso a un financiamento de até 125.000 euros para lanzamento (130.000 euros, no caso de proxectos da sede de Lugo que cheguen á fase de aceleración).
En total, ViaGalicia mobiliza nesta edición até 2.375.000 euros de financiamento para emprendedores, entre préstamos en participación e achegas a fondo perdido. Desde a Fundación CEL destácase que “esta constitúe unha gran oportunidade para os emprendedores seleccionados, non só polo acceso ao financiamento senón tamén pola evolución positiva e maduración que experimentan as empresas participantes”.

PUBLICIDADE