Os músicos denuncian que só reciben un 10% do total pola explotación en streaming dos seus traballos

venres, 31 de outubro do 2014 Fernando Sarasketa

Escoitar música en streaming a través de servizos como Spotify ou Grooveshark xa hai tempo que é unha opción básica e de uso diario para millóns de seareiros. Trátase, para os artistas, dunha solución moito mellor cá dos internautas descargando música sen ter pagado por ela, en parte porque algo de beneficio polo seu traballo si que lles chega. Pero é de abondo este beneficio, por outra banda lícito e natural? Pois semella que non, que non abonda. Así se reflicte nunha investigación chamada Unha remuneración xusta para os creadores de música na era dixital, que apunta a que os autores só reciben un 10% do total de ingresos pola difusión en streaming das súas cancións. Mentres, as discográficas métense no peto até un 60% do gañado.
Unha vez máis, seguimos co problema de sempre: o que levou ao negocio discográfico tradicional á focha da que non dá saído (eses prezos polos CD e vinilos) e que ten a súa raizame na perpetuación da cobiza dos selos e compañías musicais baixo distintas facianas. Diferente tipo de consumo para o mesmo negocio discográfico de sempre. A dita investigación, impulsada pola plataforma do mesmo nome, apunta a que o xusto de verdade sería que os músicos percibisen polo menos o 80% da facturación total pola explotación das súas obras en Internet.
O traballo foi desenvolvido polo Consello Internacional de Creadores de Música (CIAM) e o seu obxectivo é afianzar e consolidar “un modelo de distribución de ganancias máis equitativo”. O movemento xa conta co apoio da Confederación Internacional de Sociedades de Autores e Compositores (CISAC), a Music Creators North America (MCNA) e a Sociedade de Compositores, Autores e Editores de Música de Canadá (SOCAN).

PUBLICIDADE