Os investigadores do CiTIUS amosan este xoves os seus traballos en quendas de só tres minutos

mércores, 23 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

O CiTIUS acollerá este xoves unha exposición colectiva (e innovadora) de proxectos e iniciativas de investigación. A actividade (xornada T3M: A túa tese en 3 minutos) consiste nunha serie de presentacións nas que os investigadores predoutorais do centro amosarán o seu traballo nun tempo específico e reducido (precisamente un tempo de tres minutos) e botando man dun “discurso sinxelo e divulgativo”. Trátase pois de aplicar á tecnoloxía e á ciencia unha máxima que nas artes e noutras formas de creatividade vale máis que calquera outra lección sobre como narrar ou expoñer: menos é máis.
Segundo nos contan fontes do centro da Universidade de Santiago (emprazado no Campus Sur), a idea orixinal do concurso provén da Universidade de Queensland (Australia), e actualmente celébrase nas principais universidades do mundo.
O acto será avaliado por un tribunal externo, que premiará ós participantes con maior capacidade para comunicar a súa investigación perante un público non especializado. Este xurado estará composto por Javier Pedreira (Wicho), co-autor do Blog Microsiervos e responsábel de informática dos museos científicos da cidade de A Coruña; Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo da Facultade de Física da Universidade de Santiago (USC) e coñecido divulgador da ciencia; e Christian Larsson, Enxeñeiro Mecánico, CEO e socio fundador de Larpro Engineering.
A xornada dará comezo ao fío das 9.30, co acto oficial de inauguración. Ás 10.00 horas está programada a primeira rolda de presentacións. A actividade insírese dentro do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Tecnoloxías da Información, que conta coa Mención de Calidade do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) dende a convocatoria de 2004.

PUBLICIDADE