Os estudios Syncrom convidan a axudar ás ONG a través do seus xogos para móbiles

mércores, 25 de marzo do 2015 Redacción

A empresa española Syncrom Entertainment, centrada no deseño de xogos para dispositivos móbiles, anunciou esta semana o seu fortalecemento como firma de innovación social dixital, un ámbito de traballo do que falamos arreo con motivo da xornada CeMIT-Innovación celebrada este martes 24. Segundo informa Syncrom máis en detalle, o seu compromiso co solidario collerá corpo a través de doazóns a Organizacións Non Gobernamentais (ONG), nacionais e internacionais, cuxo propósito sexa o de axudar nunha liña humanitaria. Ao respecto disto, a empresa lembra que a maior parte dos seus xogos son de balde, o que implica que o groso dos ingresos veña da publicidade, en consecuencia cantos máis xogadores e cantos máis clics nos anuncios, máis beneficios para as ONG.
Segundo explica Ramón Egido, fundador de Syncrom, para acadar os devanditos obxectivos só haberá unha regra a seguir: “Canto máis usuarios teñan os xogos, máis ingresos xerarán, é unha simple cuestión de porcentaxes”.
Egido tamén recorda que a idea de que as achegas de lecer da empresa fosen solidarias naceu a principios de 2015. Segundo conta, “non somos unha ONG, estamos constituídos como empresa e como tal temos gastos e debemos dar beneficios, pero a idea de que eses beneficios tamén sirvan para axudar lévanos a destinar unha porcentaxe a labores humanitarios”. Entre as organizacións que xa se están a ver beneficiadas por esta liña de innovación social atópase Cáritas, que dende a Syncrom consideran que “está a facer un traballo moi necesarios nestes anos de crise económica nos que moitas familias se viron afectadas”.
Lembrar que o primeiro xogo dos estudios foi Bouncing Balls e o segundo Enigmas. Os últimos lanzamentos foron Conquista a Illa Pirata, no que uns soldados deben vencer aos piratas atrincheirados nunha serie de illas, e Aprende as letras, un xogo educativo para nenos a partir de 3 anos e medio que lles axuda a asociar as letras con nomes de animais.

PUBLICIDADE