Os espectáculos de Galiciencia visitarán unha ducia de localidades galegas

martes, 31 de marzo do 2015 Redacción

Todos os anos son os anos da Galiciencia, pero 2015 é en boa medida especial. Por que motivo? Pois porque se cumpren dez anos da feira, a maior das súas características (espírito científico, desenvolvedor e innovador da nosa mocidade) da nosa terra e unha das máis referenciais a nivel estatal. Para conmemoralo, a entidade responsábel da súa posta en marcha e desenvolvemento (a Tecnópole, ou sexa o Parque Tecnolóxico Galicia) preparou entre outras cousas un espectáculo itinerante que visitará doce localidades da nosa terra ao longo dos meses que están por vir. Ao mesmo tempo, convocou un certame para o deseño da mascota oficial da feira científica. A maiores, está a propia feira en si mesma, que se celebrará entre o 18 e o 20 de novembro.
Volvendo aos espectáculos, sinalar que o eixe temático será a luz, por ser 2015 proclamado pola Organización das Nacións Unidas (ONU), como o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz. O primeiro espectáculo celebrouse no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) o día 4 de marzo. O obxectivo deste e dos seguintes é basicamente facer ciencia. Ou, mellor dito aínda: contribuír a facer científicos, a espertar vocacións. E todo do xeito “máis didáctico e ameno posíbel para os máis novos”, en xeiras que teñen unha duración de arredor dunha hora e que contan como aliadas coas profesoras e profesores, “grazas ao seu esforzo por acompañar ao alumando aos lugares nos que teñen lugar os espectáculos en horario lectivo”.
En virtude dos espectáculos itinerantes, Galiciencia pasou así de durar tres días a nove meses, no ano do décimo aniversario. Ata finais de maio, os eventos estarán no Barco de Valdeorras e Verín, en Ourense; Monforte, Lugo e Viveiro, na provincia de Lugo; Ribeira, Padrón e Betanzos, na Coruña; e Pontevedra, A Guarda e Silleda, na provincia de Pontevedra. En todas as ocasións serán expostas as bases da Galiciencia para animar a participar a todos os colexios cos seus proxectos.
Desde mediados do mes de abril até final de curso organizaranse tamén unha ducia de cursos especializados para profesores en centros de toda a nosa xeografía, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia coma noutros certames.
Respecto ao espectáculo celebrado o 4 de marzo, asistiron 400 escolares de varias localidades de Ourense e xirou, coma todo o programa, arredor da celebración do Ano Internacional da Luz. Entre moitas outras cousas, os divulgadores científicos David Ballesteros e Carlos Pérez amosaron na práctica os fundamentos dos fogos artificiais, que se acadan mesturando diferentes metais (bario, potasio, etc.) para lograr diferentes lonxitudes de onda e, en consecuencia, diferentes cores. Ademais, explicaron porqué un raio láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola. E tamén grazas ao láser puideron proxectar unha pinga de cuspe tan aumentada que se podían apreciar as bacterias presentes nela.

PUBLICIDADE